O Goberno galego puxo xa a disposición do sector turístico galego liñas de axudas por valor de 30 millóns de euros durante o 2021

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, precisou que case o 90% destináronse a unha ducia de liñas xa implantadas, como a Tarxeta Turística, axudas para dixitalización ou para reactivar sectores específicamente afectados

Informou que nos vindeiros meses activaranse 4 liñas de axudas por valor de 12 millóns de euros para mellorar as infraestruturas turísticas, a comercialización e para seguir apoiando aos sectores
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, subliñou hoxe, na rolda de prensa do Consello, que neste 2021 o Goberno galego puxo a disposición do sector turístico da Comunidade liñas de axuda por valor de en torno a 30 millóns de euros que xa están practicamente desembolsados.

Rueda incidiu que as actuacións teñen por obxectivo reactivar un dos sectores máis afectados pola pandemia e aproveitar o impulso para o turismo do Xacobeo 2021-2022.

Máis polo miúdo, precisou que case o 90% —máis de 25 millóns de euros— destináronse a unha ducia de liñas xa implementadas dirixidas á facer fronte á covid, entre as que destacan: a Tarxeta Turística; axudas para dixitalizar o sector; para mellorar das infraestruturas turísticas; fomentar a calidade; ou a reactivar específicamente sectores afectados como o de congresos e exposicións, os guías turísticos e axencias de viaxes.

O resto dos apoios estanse a destinar a infraestruturas turísticas singulares, á execución de programas de reactivación, e a servizos ligados ao Ano Santo e atención ao peregrino.

No tocante aos beneficiarios, o vicepresidente primeiro resaltou que a maioría das axudas -16,8 millóns- foron dirixidas ao empresariado turístico; 4,5 millóns para acordos promovidos cos concellos; 4 millóns aos particulares para desenvolver actuacións no Camiño do Santiago e 150.000 euros ao tecido asociativo do propio Camiño.

Así mesmo, informou que nos vindeiros meses activaranse 4 novas liñas de axudas por valor de 12 millóns de euros para mellorar as infraestruturas turísticas, a comercialización, e a seguir apoiando a sectores afectados neste eido. Deste xeito, precisou que os apoios ao sector turístico rondarán os 30 M€.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/07/2021