A Xunta pon en marcha a renovación do seu parque móbil con vehículos de etiqueta medioambiental cero ou eco

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, explicou que esta iniciativa, que conta cun investimento de 6 millóns de euros, contempla a adquisición de 191 vehículos baixo a modalidade de leasing financeiro cun prazo de 48 meses

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe a posta es marcha da renovación do seu parque móbil con vehículos de etiqueta medioambiental cero ou eco. Unha medida que actuará sobre a metade do parque actual, permitindo reducir a emisión de gases contaminantes en máis dunha terceira parte das emisións actuais.

Segundo explicou o vicepresidente primeiro, esta iniciativa, que conta cun investimento de 6 millóns de euros, contempla a adquisición de 191 vehículos baixo a modalidade de leasing financeiro cun prazo de 48 meses.

“Optaremos por vehículos de carácter híbrido, híbrido conectable ou eléctrico, sempre que sexa compatible á utilización ao que sexa destinado o vehículo”, dixo, incidindo en que os obxectivos desta iniciativa serán os de aumentar a seguridade, reducir os gastos correntes en combustibles e reparacións, reducir as emisións e cubrir as necesidades de mobilidade que xeran os servizos da Xunta.

“Seguimos buscando o que buscabamos nos dous primeiros plans, no do ano 2009 e no do ano 2011, que é reducir costes, racionalizar o servizo e ter un parque móbil sustentable desde o punto de vista ambiental”, concluíu, subliñando que a maioría dos vehículos serán para desprazamentos do persoal da Administración pública e tamén para labores de reparto de correspondencia e portes.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/07/2021