A Xunta apoia con 2M€ á empresa Betanzos HB para contribuír á súa aposta pola sustentabilidade e a economía verde a través da instalación dunha caldeira de biomasa

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá a compañía de transformación forestal

A instalación da nova caldeira permitiralle á firma betanceira reducir as emisións e acadar un aforro enerxético do 11,5%

Conde solicita ao Goberno central máis fondos para que a cultura da eficiencia enerxética impulse a competitividade do tecido industrial galego

Betanzos (A Coruña), 16 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá as instalacións da empresa de transformación forestal Betanzos HB para coñecer de primeira man a aposta que está a realizar a compañía pola sustentabilidade e a economía verde.

A firma, dedicada á fabricación, manufactura e comercialización de taboleiros de madeira e fibra, atópase inmersa no proceso de instalación dunha nova caldeira de biomasa de 20,6MW. Un proxecto ao que a Xunta de Galicia apoia con dous millóns de euros –dun investimento total de 8,5M€– a través dunha liña de axudas específica –16M€– para promover a cultura da eficiencia enerxética entre o tecido empresarial.

Este proxecto permitiralle a Betanzos HB reducir as emisións, así como un aforro enerxético dun 11,5% con respecto ao seu consumo inicial –24,1KWh/ano–. En total, son 36 as iniciativas beneficiadas con esta liña de apoios, con cargo ao Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética, co obxectivo de conseguir así un mobilizado de 45,4M€.

Neste sentido, o vicepresidente económico asegurou que un dos obxectivos fundamentais de Galicia en materia industrial pasa polo impulso dunha transición ecolóxica xusta para a industria. Así, solicitou ao Goberno central a ampliación en 15M€ do crédito do fondo estatal que fai posibles estas axudas autonómicas e optou por alongar a súa vixencia ata xuño de 2023 para facilitar a presentación de máis empresas e contribuír así á competitividade e eficiencia do tecido industrial.

No seu recorrido por Betanzos HB, Francisco Conde asegurou que a sustentabilidade e a economía circular constitúen dous dos piares que marcarán o futuro da industria, en xeral, e do sector forestal, en particular. Por iso, quixo salientar a posición estratéxica da empresa betanceira, xa que comercializa un produto cun mercado emerxente como é o tablex –achégalle cifras de negocio de 24M€– e a súa política de innovación se basea nun sistema de produción 100% natural.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/07/2021