A Xunta avanza na ampliación da EDAR de Vilagarcía de Arousa que finaliza a súa tramitación ambiental

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu o informe de impacto ambiental, no que se indica que non se esperan efectos significativos

A Xunta investirá 23,1 M€ en aumentar a capacidade de tratamento da depuradora, multiplicando por case 2,5 a capacidade actual

Tamén actuará na rede de saneamento, investindo 10,5 M€ coa fin de solucionar as deficiencias dos colectores municipais

Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia avanza un novo paso para ampliar a estación depuradora de augas residuais de Vilagarcía de Arousa, que acaba de finalizar a súa tramitación ambiental simplificada.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda remitiu a Augas de Galicia, entidade promotora deste proxecto, o informe de impacto ambiental, polo que se pon fin aos trámites ambientais necesarios relativos a este proxecto en materia hidráulica.

No informe de impacto ambiental indícase que non se esperan efectos significativos sobre o medio ambiente, senón todo o contrario, xa que a ampliación da actual depuradora terá, desde este punto de vista, un impacto positivo, ao resolver as deficiencias actuais do seu funcionamento.

Tal e como se indica no informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, durante a execución das obras, nas que se prevé movementos de terras, recoméndase establecer medidas correctoras adecuadas para evitar as emisións de po e que estas partículas non cheguen ás vivendas próximas.

Estas cautelas tamén se deberán ter en conta no medio mariño, co fin de evitar o aumento de sólidos en suspensión. Neste sentido, recoméndase que se adecúe o calendario das obras aos biorritmos dos recursos marisqueiros e pesqueiros.

Por último, tamén se indica a necesidade de realizar unha inspección e inventariado dos posibles rexistros arqueolóxicos na parcela na que se asente a ampliación da depuradora.

A tramitación ambiental simplificada foi axilizada, acurtando prazos e resolvéndose un mes antes do prazo de seis meses previsto inicialmente e comprometido.

Malia que o saneamento e a depuración son competencias municipais, a Xunta leva tempo traballando na procura das solucións máis eficaces para os problemas que presenta o sistema de saneamento e depuración de Vilagarcía de Arousa. As deficiencias teñen que ver coa capacidade e co funcionamento da depuradora, así como coas carencias da rede de saneamento municipal.

Para apoiar ao Concello no desenvolvemento das súas competencias e avanzar no saneamento integral da ría de Arousa, a Xunta vai investir 23,1 millóns de euros para aumentar a capacidade de tratamento da depuradora, multiplicando por case 2,5 a capacidade actual da planta.

Construirase un novo pretratamento e un reactor biolóxico de leito móbil, cunha ampliación da decantación secundaria, a ampliación da liña de fangos e unha nova liña de biogás. Tamén está previsto o proceso de desodorización.

A Xunta actuará, ademais, na rede de saneamento municipal, coa fin de solucionar as ineficiencias dos colectores, cun investimento autonómico de 10,5 millóns de euros.

Polo tanto, o Goberno galego ten o compromiso de investir 33,6 millóns de euros na ampliación da depuradora e na mellora do saneamento de Vilagarcía, para o que é preciso que o Concello realice e axilice a tramitación municipal correspondente.

As obras de mellora do saneamento e de ampliación da depuradora serán cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder 2014-2020.

Data de actualización: 16/07/2021