A Xunta forma a empresas no eido da comercialización dos produtos do mar no marco do proxecto europeo BAPSI

O obxectivo dos cursos organizados polo Centro Tecnolóxico do Mar é poñer en contacto aos sectores produtivos e aos investigadores a través dun programa formativo teórico e práctico dirixido a técnicos, mandos intermedios e responsables de empresas do complexo mar-industria

Vigo, 18 de xullo de 2021

O Centro Tecnolóxico do Mar-Fundación Cetmar, dependente da Consellería do Mar, porá en marcha en setembro dous cursos para empresas do complexo mar-industria sobre a análise da cadea de valor e o márketing dos produtos do mar. Trátase de dúas accións formativas que se desenvolverán no marco do proxecto Bapsi (Academia azul para profesionais da industria de productos do mar), unha iniciativa financiada polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O obxectivo dos cursos é poñer en contacto aos sectores produtivos e aos investigadores a través dun programa formativo teórico e práctico dirixido a técnicos, mandos intermedios e responsables de empresas do complexo mar-industria.

Todas as accións formativas son gratuítas e impartiranse en modalidade virtual nun período de catro semanas. Para a parte teórica da formación empregaranse presentacións acompañadas de vídeos de entrevistas realizadas a empresas clave do sector. A parte práctica consistirá en clases mestras que se desenvolverán unha vez á semana durante a duración do curso. Os asistentes que superen a avaliación obterán un certificado de asistencia.

O primeiro dos cursos, sobre A cadea de valor de produtos do mar, dará comezo o 6 de setembro e abordará aspectos como cartografar a cadea de subministro, a demanda de pescado ao longo da cadea de valor, a análise da estrutura de prezos e as extensións da cadea de valor nun sector como a economía circular.

No curso Márketing e valorización de produtos do mar, que comezará o 20 de setembro, estudaranse conceptos relacionados coa creación de valor, a identificación do consumidor de peixe, o desenvolvemento e posta en marcha de estratexias de márketing na rede e fóra dela ou a conexión entre a empresa e os clientes.

A inscrición a calquera destas accións formativas pode realizarse na páxina web do proxecto Bapsi (https://bapsi.eu/enter-the-academy/) seleccionando os cursos desexados. Na mesma web é posible acceder ao programa completo de cursos da academia (https://bapsi.eu/programme/), que son gratuítos e ofrecen certificado de asistencia para os participantes que superen a avaliación.

A oferta contempla formacións sobre Avaliación do risco, Produción sostible, Xestión de residuos plásticos, Prácticas empresariais xustas e contratos internacionais e Protección de marcas e Identificación e xestión de fondos de financiación, entre outras.

O proxecto

O proxecto Bapsi, liderado pola Asociación Nacional de Empresas Pesqueiras (Assoitica) de Italia, ten como obxectivo promover un diálogo entre o sector industrial da pesca e a educación coa finalidade de abordar a necesidade de que os profesionais estean capacitados e equipados de acordo coas necesidades da industria. Xunto ao Centro Tecnolóxico do Mar, no consorcio Bapsi participa a Asociación Española de Maioristas, Importadores, Transformadores e Exportadores de Produtos da Pesca e Acuicultura (Conxemar) que ademais colabora co Cetmar na organización dos cursos.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 18/07/2021