A Xunta destaca o papel clave que xogará Tecnópole na unión do tecido empresarial coa I+D+i para contribuir á reactivación económica

Conde apuntou á xeración de novas oportunidades no ámbito económico e laboral; a captación e retención de talento; e a contribución á cohesión social e territorial como os retos máis próximos do centro ourensá

A instalación pretende erixirse como un referente en toda Galicia e en toda España en transferencia de coñecemento e industria

Entre as iniciativas que están sobre a mesa encóntrase a ampliación en 341.000 m2 do solo industrial do recinto para potenciar a instalación de novas empresas
 

San Cibrao das Viñas (Ourense), 19 de xullo de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou este mediodía as instalacións do Parque Tecnolóxico de Galicia, Tecnópole, para dar a benvida ao seu novo director, Javier Taibo. Durante o encontro, no que tamén participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas, Pedro Fernández, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, Conde fixo referencia ao actual contexto de recuperación económica, destacando o papel bisagra que xogará o centro na unión do tecido empresarial co ecosistema galego de I+D+i.

Neste sentido, indicou que Tecnópole vai ser un verdadeiro soporte para a actividade dos sectores económicos e dos emprendedores, axudándolles na consecución da transición ecolóxica e dixital. Así, o vicepresidente económico agradeceulle a súa disposición e compromiso a Javier Taibo para liderar, a través do seu coñecemento profesional, un proxecto que saberá aliñar os seus obxectivos propios coas necesidades do tecido empresarial de Ourense e de toda Galicia.

“Ten a oportunidade de desenvolver esta nova etapa dentro de Tecnópole que lle dé continuidade, estabilidade e que sexa un foco importante para atraer investimentos e poder captar e reter talento”, sinalou en referencia ao novo director do parque tecnolóxico.
Pola súa parte, Taibo mostrou a súa "ilusión" por poñerse á fronte do proxecto e asegurou que arrancará proximamente os contactos con todos os axentes implicados para levar a cabo o plan estratéxico para, precisamente, xerar "novas oportunidades empresariais e reter o talento galego".

No seu recorrido polo parque empresarial, Francisco Conde quixo visitar algunhas das empresas que forman parte del, como KeyMetriks e Fentotek, ao mesmo tempo que recordou a ampliación en 341.000 m2 prevista do solo industrial no Tecnópole.

“Xa temos aprobado no consello de administración de Tecnópole esa ampliación, que desenvolveremos en colaboración coa Xestion Urbanística de Galicia (Xestur), e que facilitará máis espazo para que se poidan establecer novos proxectos facendo así que este polígono sexa un motor de oportunidades e de atracción de novos proxectos”, indicou.
Un dos obxectivos principais do Parque Tecnolóxico de Galicia é o apoio e a potenciación de iniciativas empresariais innovadoras que axuden a crear emprego cualificado. Así, os retos de futuro do centro pasan por xerar novas oportunidades no ámbito económico e laboral; así como contribuír á cohesión social e territorial, tendo especial atención co rural. Unhas metas nas que, tal e como indicou Conde, contarán coma sempre co apoio da Xunta de Galicia.

“Hai unha oportunidade para poder captar proxectos vinculados á dixitalización e a empresas de base tecnolóxica, que é precisamente a natureza que ten Tecnópole, e nese contexto é onde imos intentar desenvolver esas novas oportunidades no contexto dos fondos europeos Next Generation pero, sobre todo, nun proceso de transformación do sector produtivo desde o punto de vista dixital e enerxético onde Tecnópole pode ter un gran protagonismo”, afirmou o vicepresidente económico.

Data de actualización: 19/07/2021