Os participantes no campo de voluntariado da Xunta en Palas de Rei dinamizarán o Camiño Francés acondicionando os sendeiros e axudando aos peregrinos

Ademais do campo de voluntariado, tamén ten lugar un campamento para rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos

Palas de Rei (Lugo), 19 de xullo de 2021

Os participantes no campo de voluntariado da Xunta en Palas de Rei dinamizan o Camiño Francés acondicionando os sendeiros e axudando aos peregrinos. A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, achegouse ata o campamento Os Chacotes para coñecer de primeira man as actividades que se están a celebrar tanto no campo de voluntariado como no campamento xuvenil.

Fabiola García puxo en valor este campo de voluntariado por ter como principal singularidade o Camiño de Santiago. Unha ducia de mozas e mozos de entre 18 e 30 anos participan nesta iniciativa na que se presta axuda con indicación, ánimo e conversa aos peregrinos que chegan nesta etapa desde Portomarín. Ademais, realizan acondicionamento dos sendeiros na contorna do Camiño para manter a beleza que posúe.

Así mesmo, a Conselleira de Política Social puido coñecer aos participantes no campamento que tamén se está a celebrar en Palas. Ao redor de 40 rapazas e rapaces de entre 12 e 14 anos desfrutan da segunda quenda do campamento de verán nos Chacotes, onde realizan multitude actividades como rocódromo, Kaiak, tiro con arco ou paintball.

Máis seguridade

A Xunta de Galicia puxo en marcha unha campaña de verán con actividades con todas as garantías de seguridade. Neste ano manterase e reforzarase o protocolo específico fronte á covid-19 para facer desta programación unha opción de ocio seguro. A novidade deste protocolo é que os participantes e os monitores deberán realizar unha proba de antíxenos totalmente gratuíta á súa entrada no campamento. Durante a pasada edición non se rexistrou ningún caso positivo nin entre os seus participantes nin entre os profesionais.

Este ano na campaña O verán que mereces, o Goberno galego oferta máis de 7800 prazas entre campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado. Isto é, 1000 prazas máis que as postas á disposición da mocidade galega o ano pasado.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 19/07/2021