A Xunta publica a licitación para o desenvolvemento da plataforma dixital que apoiará a xestión dos instrumentos de recuperación da terra agraria

O Goberno galego vén de colgar dita licitación na plataforma pública de contratación

Tras o acordo entre a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural o orzamento base de licitación aproxímase aos 600.000 euros, cun valor estimado de preto de 1,2 millóns de euros

O obxectivo é prestar apoio tecnolóxico ao desenvolvemento da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que entrou en vigor o pasado 22 de maio, á hora de implementar figuras como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais

Ademais, o sistema contará con módulos específicos para a tramitación das permutas de especial interese agrario, para a investigación da titularidade ou para abordar o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

A Xunta vén de publicar na súa plataforma de contratos públicos a licitación do servizo de desenvolvemento e mantemento evolutivo dun sistema de información de apoio na xestión dos instrumentos e procedementos de recuperación da terra agraria de Galicia. Tras o acordo entre a Axencia para a modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, dependente da Consellería do Medio Rural, o orzamento base de licitación aproxímase aos 600.000 euros, cun valor estimado de preto de 1,2 millóns de euros.

O obxectivo da plataforma dixital que sae a licitación é prestar apoio tecnolóxico ao desenvolvemento da Lei de recuperación que entrou en vigor o pasado 22 de maio, á hora de implementar figuras como as aldeas modelo, os polígonos agroforestais (de iniciativa pública ou privada) e as agrupacións de xestión conxunta. En concreto, o servizo publicado facilitará a tramitación e xestión destes instrumentos e procedementos de recuperación da terra agraria. Ademais, contará con módulos específicos para a tramitación das permutas de especial interese agrario, para a investigación da titularidade e para abordar o procedemento de declaración de abandono ou infrautilización.

Nesa liña, a plataforma tecnolóxica terá tanto unha parte de tramitación vinculada ao sistema de información xeográfica de parcelas agrícolas como ao catastro, para acadar unha xestión conxunta da información das parcelas en canto a titulares, usos e aptitude, e tamén en relación á súa localización. Así, preténdese ter en todo momento control da situación dos terreos que son obxecto dos distintos procedementos.

Cabe apuntar que para o desenvolvemento desta plataforma prevese a súa integración con outras ferramentas como o Sistema de información forestal -no que se almacena e xestiona a información dos recursos, propiedades e aproveitamentos forestais- así como co rexistro de agrupacións forestais de xestión conxunta. Tamén está prevista a integración coa nova aplicación de xestión de explotacións agropecuarias da nosa comunidade, en conexión co Rexistro de explotacións agrarias de Galicia que permitirá a iniciación de distintos trámites da Administración mantendo e actualizando a información de cara ao cidadán.

Por último, a nova plataforma tamén se conectará co Sistema de información de terras de Galicia (Sitegal), a ferramenta web na que se poden consultar e solicitar as parcelas que están incorporadas ao Banco de Terras e que vai a xogar un papel fundamental no desenvolvemento dos instrumentos de recuperación. Nesa dirección, está prevista tamén a integración coas ferramentas de tramitación electrónica da Xunta.

Lei de recuperación

Cómpre lembrar que a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia persegue a creación de actividade económica para fixar poboación no rural da nosa comunidade, proporcionando base territorial a quen a precise. Ao tempo, esa actividade servirá de devasa natural fronte aos lumes, permitindo avanzar na anticipación aos incendios forestais.

Así mesmo, coa nova norma traballarase no incremento da seguridade alimentaria a través da protección da capacidade produtiva da terra e do fomento da súa posta en produción, ademais de impulsar unha planificación da paisaxe agraria que permita a creación de ecosistemas resilientes.

Data de actualización: 20/07/2021