A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou as instalacións de Estaleiros Catoira

A Xunta reafirma o seu apoio ás carpinterías de Ribeira para protexer o patrimonio cultural e marítimo-pesqueiro de Galicia

A Consellería do Mar vén de asinar un novo convenio de colaboración coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por importe de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego

A titular de Mar lembra que Galicia é das últimas rexións europeas onde a carpintería de ribeira conserva o seu vínculo co territorio e tamén a que ten maior densidade e actividade de construción naval en madeira

O Executivo galego aposta tamén pola protección do seu patrimonio mariñeiro mediante a elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030 da man da Universidade da Coruña e da súa fundación
 

Rianxo (A Coruña), 20 de xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as instalacións de Estaleiros Catoira onde salientou o importante papel que xogan este tipo de talleres de construción de embarcacións en madeira para preservar o saber facer dos carpinteiros de ribeira, unha parte fundamental do patrimonio inmaterial de Galicia. Neste sentido, lembrou que a Consellería do Mar vén de asinar un novo convenio coa Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) por importe de 30.000 euros para o desenvolvemento de actividades de recuperación, conservación e divulgación do patrimonio marítimo galego e para a protección deste oficio tradicional.


A titular de Mar, que estivo acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, incidiu en que Galicia consolida así o seu apoio á construción naval en madeira e á preservación do patrimonio cultural e mariñeiro da comunidade. De feito, o convenio prevé a financiación de distintas actuacións durante 2021 como a promoción da recuperación do patrimonio marítimo flotante como importante nicho de traballo para o futuro da carpintería de ribeira, o impulso da competitividade do sector e a promoción e a cooperación mediante a participación en distintos eventos.


Rosa Quintana lembrou que Galicia é das últimas rexións europeas onde a carpintería de ribeira conserva o seu vínculo co territorio e tamén a que ten maior densidade e actividade de construción naval en madeira. Por iso, subliñou a relevancia de renovar e modernizar o sector, de diversificar a produción e investir en tecnoloxía, I+D+i e formación co obxectivo de facer fronte a retos do sector como a remuda xeracional.
A representante do Executivo galego destacou que a colaboración con Agalcari -vixente practicamente desde a creación da entidade- permite avanzar na preservación desta forma de construír tradicional, que é unha mostra máis do patrimonio marítimo-pesqueiro e cultural da comunidade.


Galicia avanza así na protección da súa cultura marítima, á que contribuirá tamén o Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030, que se elaborará no marco dun convenio de colaboración asinado a comezos de mes entre a Consellería do Mar, a Universidade da Coruña e a súa fundación. Esa planificación permitirá deseñar accións para protexer o patrimonio e a cultura marítima de Galicia e blindar o seu futuro.


De feito, a previsión é redactar un documento base do plan no que se recollerán as liñas estratéxicas, iniciativas e accións a desenvolver no período 2021-2023 así como os pasos a seguir nos seguintes anos coa finalidade de preservar a cultura marítima da comunidade. A titular de Mar salientou que esta medida se enmarca na aposta da Xunta por poñer en valor e recuperar o patrimonio marítimo de Galicia, polo que o traballo abarcará todo o litoral de Galicia co obxectivo de definir as liñas das políticas culturais unindo as tradicións e o valor do patrimonio marítimo.


Estaleiros Catoira e Agalcari


Estaleiros Catoira é unha carpintería de ribeira que comezou en 1920 a súa actividade de construción de buques pesqueiros de madeira tradicional e desde entón traballa na construción, reparación e mantemento de embarcacións tradicionais de pesca, auxiliares de acuicultura e de recreo. Dá servizo principalmente a empresas da zona da ría de Arousa nunhas instalacións con arredor de 1.600 metros cadrados de superficie.
Este estaleiro é tamén un dos socios da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, entidade que foi constituída en 2007 e que agrupa á práctica totalidade das carpinterías de ribeira existentes en Galicia. Entre os seus obxectivos está contribuír a mellorar a competitividade dos seus socios recorrendo ás sinerxías e á colaboración entre eles, a mecanismos de apoio e ao traballo cooperativo en rede.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 20/07/2021