Fabiola García anuncia un programa de visitas e excursións seguras para os usuarios das residencias de maiores durante o verán

Esta iniciativa beneficiará a 600 persoas maiores que residen nestes centros e incluirá paseos en catamarán pola Ribeira Sacra, visitas ao acuario da Coruña ou excursións ao castro de Santa Trega entre outras actividades

Cervo (Lugo), 20 de xullo de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, anunciou un programa de visitas e excursións seguras para os usuarios das residencias de maiores públicas que terán lugar durante os meses de verán. Esta mañá acompañou aos maiores da residencia pública de Burela durante unha destas actividades que consistiu na visita ao Museo Sargadelos, situado no concello de Cervo.

Fabiola García sinalou que logo deste difícil ano é xusto que os usuarios destes centros desfruten da súa contorna “dun xeito seguro e sen baixar a garda”. Neste sentido, sinalou que dentro deste programa atópanse saídas con todas as garantías como paseos en catamarán pola Ribeira Sacra, visitas ao acuario da Coruña ou excursións ao castro de Santa Trega, na Guarda.

Un amplo catálogo que beneficiará a preto de 600 persoas maiores que residen nestes centros. A conselleira apuntou que se trata dunha boa oportunidade para que recuperen o ritmo de vida activo que caracteriza ás residencias de maiores sempre dun xeito controlado e atendendo ás medidas de prevención fronte á covid-19.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/07/2021