A Xunta colabora con Francia, Italia, Portugal nun proxecto para afondar no coñecemento do patrimonio cultural desde a perspectiva educativa

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, recibiu aos participantes do proxecto ‘Habitando os Camiños a Compostela: educación patrimonial en entornos virtuais de aprendizaxe’

A iniciativa, encadrada no programa Erasmus+ e liderada polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI), busca unha maior concienciación sobre o valor deste recurso

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2021

A Xunta de Galicia colabora con profesionais de Francia, Italia, Portugal e outras rexións de España en Habitando os Camiños a Compostela: educación patrimonial en entornos virtuais de aprendizaxe, un proxecto liderado polo Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) co obxectivo de buscar unha maior concienciación sobre o valor do patrimonio cultural europeo desde unha perspectiva educativa.

Esta iniciativa, enmarcada no programa Erasmus+, está articulada en cinco reunións trasnacionais e un calendario de encontros virtuais que se viu afectado pola pandemia, obrigando a que o primeiro ano se desenvolvese por completo na distancia. Tras este primeiro curso de traballo, os profesionais implicados participan esta semana en Santiago nunhas xornadas formativas que rematarán mañá cun balance das sesións e que foron inauguradas polo conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez.

No acto, celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, o representante do Goberno galego referiuse á celebración do Xacobeo 21-22 como unha oportunidade para afondar no coñecemento desde calquera perspectiva. Neste sentido, agradeceu a implicación de todos os profesionais que se trasladaron ata Compostela para analizar o traballo feito neste curso e animounos a seguir compartindo coñecemento e a seguir avanzando nas futuras liñas de actuación e eventos de difusión que se porán en marcha.

O proxecto Habitando os Camiños a Compostela: educación patrimonial en entornos virtuais de aprendizaxe aproveita a riqueza cultural do Camiño de Santiago e do Xacobeo para, a través da educación patrimonial, as metodoloxías activas e as competencias dixitais, favorecer a adquisición de competencias básicas neste eido. Así, o grupo de profesionais, tras facer unha análise das necesidades, traballa no desenvolvemento dunha plataforma virtual de recursos educativos en torno á Ruta Xacobea que inclúe materiais educativos descargables para usar en contextos educativos.

Ademais, tamén se están a elaborar guías docentes e de boas prácticas que sirvan de apoio para educadores. Trátase de materiais orientados á adquisición das habilidades necesarias para animar, xestionar e mediar con éxito en procesos de educación dixital.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 20/07/2021