A Xunta organiza un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino-cabrún no concello lucense de Friol

Esta iniciativa ten previsto celebrarse a partir do vindeiro luns e contará cunha duración total de 25 horas

Organizada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a formación ten como obxectivo incrementar o nivel de profesionalización do sector ovino-cabrún galego

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza un curso sobre iniciación e mellora da gandaría de ovino-cabrún no concello lucense de Friol. Terá lugar a partir do vindeiro luns, día 26 de xullo, ao longo de cinco días, cunha duración total de 25 horas en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Esta iniciativa está dirixida a calquera persoa vinculada profesionalmente ou con expectativa de incorporación aos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como aos mozos e mozas do rural galego interesados neste eido.

Deste xeito, o curso afondará en diversos temas como o tratamento destes rumiantes, a súa alimentación e os seus requirimentos, así como outros relacionados directamente co sector como poden ser as estratexias de comercialización, o cambio climático ou o manexo, implantación e fertilización de pradeiras.

O obxectivo principal do curso é incrementar o nivel de profesionalización do sector ovino-cabrún galego. Para iso, os docentes analizarán as carencias dos titulares e potenciais titulares deste tipo de explotacións gandeiras que asistan á formación.

Os interesados en participar nesta acción formativa deberán cubrir o correspondente formulario de solicitude que poden atopar no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas e remitilo por correo electrónico ao enderezo: transferenciatecnoloxica.cmr@xunta.gal. Para máis información, poden chamar ao teléfono 981 54 66 89.

A Consellería do Medio Rural, a través de entidades como Agacal, aposta por dar cabida ás necesidades formativas do medio rural. É por iso que cursos coma este pretenden facilitar ao sector agropecuario unha oferta formativa que impulse a súa sustentabilidade e competitividade.

Data de actualización: 21/07/2021