A Xunta rexeita os criterios do Estado no reparto dos fondos de recuperación ao limitar as competencias autonómicas e poñer en perigo o apoio ao emprego

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021

No día de hoxe tivo lugar a LXXX Conferencia Sectorial de Emprego e Asuntos Laborais, presidida pola Vicepresidenta segunda do Goberno de España e Ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz. O principal tema tratado foi a distribución de 687,75 millóns euros de fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia ( MRR), e o deseño imposto polo Goberno de España en canto ao destino das axudas e as condicións da súa distribución.

Nun comunicado conxunto, os conselleiros das comunidades autónomas de Galicia, Andalucía, Madrid, Castela e León, e a Rexión de Murcia mostraron o seu rexeitamento a esta invasión de competencias, posto que a participación das comunidades autónomas que subscriben esta declaración foi puramente testemuñal.

Os representantes destes gobernos autonómicos queren remarcar que son as comunidades autónomas as que posúen as competencias sobre as políticas activas de emprego, xa sexan servizos de emprego, incentivos para o emprego e formación para o emprego. Por tanto, son as comunidades autónomas as que teñen que deseñar calquera política activa de emprego.

Os gobernos de Galicia, Andalucía, Murcia, Madrid e Castela e León mostran o seu desacordo co comportamento do Ministerio de Traballo, do mesmo xeito que o de Educación, ao tratar ás comunidades autónomas como meras executoras das liñas de subvención elixidas de forma unilateral por estes ministerios, cando son as comunidades autónomas as encargadas da súa xestión. Denuncian, por tanto, que se impoñan os destinos funcionais dos fondos sen, ademais, incorporar recursos financeiros suficientes para despregalos en tempo e forma.

Así mesmo, denunciaron a opacidade no reparto dos fondos, xa que só se coñece que dos 70.000 millóns que recibirá España, 19.000 millóns irán parar ás CCAA, sen que se deu a coñecer os criterios cos que van asignar os 52.000 millóns restantes, que supoñen case 3 de cada 4 euros da totalidade de fondos que recibirá España.

Os representantes dos gobernos autónomos lamentan, por tanto, que se traslade ás comunidades autónomas toda a responsabilidade do éxito das medidas sen que puidesen participar no seu deseño, xa que simplemente estiveron presentes nalgunhas reunións informativas previas.

Do mesmo xeito, advirten que a fórmula utilizada incorpora un elevado risco de non poder ser postas en práctica, ademais de non cumprir cos obxectivos buscados de mellorar a empregabilidade das persoas e mellora da produtividade das empresas dentro do contexto dunha economía máis verde e dixital marcado pola Unión Europea.

O comunicado remata lamentando o comportamento de ambos ministerios nas correspondentes Conferencias Sectoriais de Emprego e Formación Profesional para o Emprego, que considera “son unha mostra máis do amosado habitualmente por un Goberno de España que non respecta a distribución competencial do Estado das Autonomías, nin atende á indicación da UE para que as rexións sexan partícipes do deseño dos proxectos aos que se destinan os fondos”.

Inxerencia do Estado

Ao remate da conferencia, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, advertiu de que as condicións impostas polo Goberno central son “ríxidas”, limitan as competencias autonómicas e poñen en perigo o obxectivo co que se crearon estes fondos: o apoio ao tecido produtivo para facer fronte ás consecuencias económicas e sociais da pandemia.

Lorenzana lamentou que o Estado se reserva unha porcentaxe “elevadísima” dos fondos destinados a desenvolver políticas activas de emprego. Neste senso, criticou a “inxerencia” do Estado ao explicar que as competencias para o desenvolvemento das políticas activas de emprego son en exclusiva das comunidades autónomas. “Somos as que mellor coñecemos os nosos tecidos produtivos, as necesidades das nosas empresas e autónomos e as que máis rápido e con máis axilidade repartimos estes fondos e facémolos chegar dun xeito efectivo”, precisou.

A conselleira, ademais, fixo unha avaliación do anteproxecto da Lei orgánica de ordenación e integración da Formación Profesional, que se abordou onte na Conferencia Sectorial do Sistema Nacional de Cualificacións e Formación para o Emprego. Lorenzana advertiu neste foro do perigo de que a formación profesional para o emprego quede absorbida polo sistema educativo, perdendo a súa flexibilidade. “Preocúpamos que a ministra de Educación estea afastada da realidade empresarial”, apuntou, e explicou que co novo texto legal pérdese a necesidade que teñen as empresas e as persoas traballadoras e desempregadas de ter “unha formación áxil, adaptada as súas necesidades e que redunde na mellora da empregabilidade”.

Criticou, por último, a descoordinación “absoluta” que existe entre os ministerios, “como xa ocorreu no reparto das axudas directas ao tecido empresarial”. “Galicia está moi preocupada por esta rixidez nos criterios de reparto e pola inxerencia nas competencias porque repercutirá negativamente na recuperación económica e na mellora das cifras de emprego”, rematou.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/07/2021