A Xunta súmase ao concello de Lalín na homenaxe a Laxeiro no 25 aniversario do seu falecemento

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa nos actos conmemorativos no Museo Ramón Mª Aller e no cemiterio da Romea

O Goberno galego traballa nunha ampla programación para poñer en valor a figura deste pintor co gallo do Día das Artes Galegas 2022
 

Lalín (Pontevedra), 21 de xullo de 2021

O secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe nos actos impulsados polo Concello de Lalín para homenaxear ao pintor José Otero Abeledo, máis coñecido como Laxeiro, no 25 aniversario do seu falecemento. O Museo Ramón Mª Aller e o cemiterio da Romea acolleron a conmemoración.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade lembrou que a Xunta de Galicia traballa xa nunha ampla programación que serva para poñer en valor a figura de Laxeiro co gallo do Día das Artes Galegas 2022 que se dedicará ao pintor lalinense. “Trátase de todo un acerto que fará que Laxeiro se sume a autores que xa protagonizaron esta efeméride como o Mestre Mateo, Castelao, Maruxa Mallo, Alejandro de la Sota, Luís Seoane ou Domingo de Andrade“, engadiu.

“Desde a Xunta colaboraremos coas principais entidades e concellos que se encargan de difundir este legado como é o caso do Concello de Lalín, un dos organismos con maior implicación na difusión da obra de Laxeiro”, avanzou antes de agradecer o esforzo feito desde a institución municipal para programar os actos celebrados hoxe e os que terán lugar o sábado e o domingo polas rúas de Lalín.

Exposición a súa figura

A homenaxe celebrada hoxe inclúe a inauguración dunha mostra sobre a súa figura no Museo Ramón Mª Aller composta por unha selección das obras que o pintor universal doou ao Goberno local e tamén coa presentación dos Cabezudos de Laxeiro, figuras inspiradas nunha obra laxeiriana do mesmo nome e realizadas para o Concello de Lalín polo artista lalinense Luchi Iglesias. Os actos completáronse cunha ofrenda floral ao pé do panteón do pintor no cemiterio de A Romea.

A programación en homenaxe a Laxeiro continuará o sábado día 24 de xullo con dous pasarrúas teatralizados a cargo dos Cabezudos de Laxeiro que desfilarán por distintos espazos do casco urbano lalinense acompañados de A Carballeira de Cercio. Será en horario de 13,00 a 14,00 horas e de 19,00 a 20,00 h. Ademais, o domingo, Día de Galicia, terá lugar un pasarrúas dos Xuncos, de 13,00 a 14,00 h e de 19,00 a 20,00 horas.
 

Data de actualización: 21/07/2021