O titular do Goberno galego participou este mediodía no acto de entrega dos Premios da XXXIII Cata de Viños de Galicia 2021, XXIII Cata de Augardentes de Galicia e X Cata dos Licores Tradicionais de Galicia

Feijóo avanza a presentación da Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas para afondar na calidade e a venda e garantir a remuda xeracional

“Estamos a falar dunha iniciativa conxunta do sector, a Xunta e a Fundación Juana de Vega, dotada con máis de 700.000 euros”, precisa

Afirma que esta iniciativa complementarase coa Lei de recuperación de terra agraria; e resalta que as denominacións de orixe solicitaron xa arredor de 10.000 hectáreas para levar a cabo polígonos de viñedos
 

Boqueixón (A Coruña), 21 de xullo de 2021.- O responsable do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a presentación a vindeira semana da nova Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas para afondar na calidade e a venda e garantir a remuda xeracional.

“Estamos a falar dunha iniciativa conxunta do sector, a Xunta e a Fundación Juana de Vega, dotada con máis de 700.000 euros”, engadiu, subliñando que o Goberno galego seguirá traballando con esta industria, achegando ferramentas que consoliden o seu crecemento.

Durante o acto de entrega dos Premios da XXXIII Cata de Viños de Galicia 2021, XXIII Cata de Augardentes de Galicia e X Cata dos Licores Tradicionais de Galicia, Feijóo aseverou que esta iniciativa complementarase coa Lei de recuperación de terra agraria, que xa está en vigor e que ten como obxectivo poñer en valor terreos abandonados ou infrautilizados. Non en van, precisou que as denominacións de orixe solicitaron xa arredor de 10.000 hectáreas para levar a cabo polígonos de viñedos.

Así mesmo, entre outros proxectos salientou a posta en marcha no pazo de Quián dun Centro de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais, que contará cun espazo específico para o viño e o cultivo de viñedos. E recordou que durante a pandemia se aprobou o préstamo vendima; ou a iniciativa Mercaproximidade, para dar saída aos produtos agroalimentarios que viron afectadas as súas canles de comercialización pola covid-19 a través das principais cadeas de distribución que operan na Comunidade.

Ao longo da súa intervención, o titular do Executivo autonómico reivindicou a fortaleza do sector da viticultura, formado por máis de 10.000 viticultores e preto de 500 adegas, e que achega un valor económico superior aos 230 millóns de euros ao ano.
O presidente da Xunta concluíu cunhas palabras de recoñecemento á traxectoria de Waldo Carreiras Albo, impulsor destas catas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/07/2021