A Xunta licita a obra de reforma do centro de saúde de Ribadavia por un importe de 692.815 euros

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2021.- A Xunta de Galicia vén de licitar a obra de reforma do centro de saúde de Ribadavia, cuxo proxecto básico foi presentado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, o pasado mes de febreiro en Ribadavia xunto co seu redactor, o arquitecto Henrique Ferro Cruz.

Durante estes meses, o equipo redactor rematou o proxecto de execución e os técnicos da Consellería de Sanidade procederon á súa supervisión, o que ten resultado nun incremento do proxecto inicial, que naquel momento estimaba un investimento de 351.500 euros, e que agora se incrementa ata acadar un importe para a licitación da obra de 692.815 euros. Este procedemento de licitación, aberto hoxe na plataforma de contratación pública de Galicia, inicia un prazo de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas que rematará o vindeiro 17 de agosto.

O obxectivo principal da reforma do centro de saúde de Ribadavia é a rehabilitación e a actualización da envolvente térmica do edificio. Levarase a cabo un illamento térmico integral, instalando un sistema que mellore a eficiencia enerxética do edificio. Farase unha substitución total da cuberta, incluída a estrutura, substituíndo as chapas metálicas por paneis sándwich con illamento térmico no seu interior; e, tamén, os cerramentos verticais, polo que se cambiarán as carpinterías exteriores por unhas ventás con persianas e vidros dobres baixo emisivos e aplicarase un sistema de illamento térmico exterior.

Así mesmo, realizarase a substitución das lamas de protección solar por uns perfís de aluminio de sección elíptica, que permita unha maior visibilidade exterior sen reducir o control solar, e mantendo a imaxe horizontal do edificio. Aproveitarase esta intervención para pintar o interior e para unha reforma integral dos aseos dos andares baixo, primeiro e segundo, xa que non había aseos accesibles.

A obra obxecto deste expediente de contratación é susceptible de financiamento ao 100% no marco do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da Unión Europea á pandemia da covid-19.

Renovación de infraestruturas de atención primaria

A licitación desta obra de reforma significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria que hai na nosa comunidade. Dende o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 87 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre 74.000 metros cadrados. A eles hai que engadir as sete obras que están en marcha.

En total, o investimento da administración autonómica nestes 12 anos suma máis de 115 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

En particular, na provincia de Ourense, nos últimos anos puxéronse en marcha novos centros de saúde en Toén, Entrimo, Vilar de Santos, Ourense (O Couto), Barbadás (A Valenzá) ou Pontedeva e importantes reformas en Carballeda de Avia, Gomesende, Leiro, Carballeda de Valdeorras ou Cenlle. Nesta lexislatura acábanse de poñer en marcha os centros de saúde de Pereiro de Aguiar e Paderne de Allariz e de asinar o convenio para iniciar a construción dun novo centro de saúde en A Rúa. E están xa adxudicadas as obras de reforma do centro de saúde de Arnoia.


Esta lexislatura comezou co compromiso da Xunta de completar unha renovación integral do Sergas. En consecuencia, os Orzamentos para 2021, os primeiros desta lexislatura, contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns en 2020 a 55 millóns de euros neste ano 2021.

Engadido a todo o anterior, a Xunta ten intención de continuar esa renovación integral da Atención Primaria con dúas iniciativas. Por un lado, un Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias para o Sergas, e, por outro, unha reforma organizativa deste nivel asistencial, que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar, para o que Sanidade está a traballar no Consello Técnico de Atención Primaria con todos os colectivos, e para o que se creou unha Dirección Xeral de Reforma Sanitaria que pilote o proceso.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 21/07/2021