Patrimonio Cultural autoriza o proxecto de mellora da iluminación na subida ao Monte da Guía e require completar a documentación respecto á Ermida

No caso da primeira actuación, informa favorablemente a súa totalidade, aínda que suxeito a condicionantes; e na segunda, reclama resolver as incongruencias entre os proxectos do Concello e o que este presenta en conxunto coa Diocese de Tui-Vigo

Vigo, 21 de xullo de 2021

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, vén de dar o seu visto e prace ao proxecto de mellora da iluminación do Monte da Guía proposto polo Concello de Vigo. Autoriza así a totalidade das actuacións previstas neste ámbito, ao consideralas compatibles coa protección ao patrimonio, aínda que suxeitas a unha serie de condicionantes.

En canto á proposta de intervención na iluminación ornamental da Ermida, que figura no mesmo expediente, os técnicos do servizo de Patrimonio de Pontevedra solicitan ao Concello e a Diocese de Tui-Vigo que resolvan “as incongruencias documentais entre ambos os seus proxectos”, de modo que as actuacións de alumeado público e monumental sexan compatibles entre si e se integren adecuadamente no lugar. Chaman así a atención que o Goberno local presente un proxecto en solitario e outro distinto en colaboración co Diocese.

En todo caso, a resolución asinada e notificada hoxe especifica respecto á actuación nos tramos de subida ao Monte da Guía, que deberá colocarse un modelo único de luminaria (Urbalite sobre columna Atlas en ton gris ou negro mate), co fin de homoxeneizar os valores ambientais deste espazo público. Calquera outra elección suporía ter que achegar unha nova proposta á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, advirte.

Asemade, indica que, previo ao inicio das obras, o Concello deberá presentar un proxecto de sondaxes arqueolóxicas manuais, co obxecto de poder valorar arqueoloxicamente o subsolo afectado polas intervencións pretendidas para a súa preceptiva autorización. No caso de atopar algún resto patrimonial, informa, se deberá avisar consecuentemente do achado ao órgano autonómico competente na materia.

No caso da segunda actuación, a que ten que ver coa iluminación monumental da Ermida da Guía, os técnicos do servizo provincial de Patrimonio aclaran que, valorándose positivamente a intervención, se require completar a documentación tanto por parte do Concello como da Diocese. Segundo sinalan, ambos proxectos resultan incongruentes entre si polo que non poden ser autorizados tal e como se propoñen.

Establece por tanto que deberá definirse un novo modelo de luminaria para o espazo público peonil arredor da Ermida, adaptado aos valores deste espazo público, en concordancia cos criterios expostos nos informes técnicos, así como realizarse unha nova proposta de reposición de materiais de pavimentación sobre as gabias de canalización de instalacións. Asemade e de acordo cos criterios expostos, solicita reformular a iluminación monumental deseñada para a Ermida.

Conclúen así que a actuación deberá achegar a suficiente documentación para dar a ferramenta coa que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural poida estimar se a intervención desexada é compatible coa salvagarda dos valores culturais deste ámbito de actuación.
 

Data de actualización: 21/07/2021