A Xunta informa á veciñanza de Ordes das recomendacións necesarias para aforrar na factura da luz

A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, asistiu esta tarde na Casa da Cultura a unha charla organizada polo Goberno galego para tratar de resolver as dúbidas xeradas con respecto á nova tarifa e aos tres períodos horarios

Ordes (A Coruña), 21 de xullo de 2021

A xerente do Instituto Galego do Consumo e da Competencia (IGCC), Sol Vázquez, asistiu esta tarde na Casa da Cultura de Ordes á charla organizada polo seu departamento, dependente da Xunta de Galicia dentro campaña informativa sobre a nova tarifa eléctrica. Unha iniciativa na que os veciños e veciñas deste municipio coruñés puideron resolver dúbidas sobre os tres novos tramos horarios –val, chairo e punta– implantados polo Goberno central o pasado mes de xuño.

A charla de hoxe, enmarcada dentro dos 60 talleres que ten previsto levar a cabo o IGCC por diferentes concellos galegos ao longo deste ano, coincide xusto no día en que o prezo medio da luz en España chega a un novo máximo histórico, superando a cota dos 106 euros por megavatio hora.

Durante o acto, Sol Vázquez destacou a importancia deste tipo de actividades para dar resposta á cidadanía, así como para facilitarlle consellos e recomendacións co fin de aforrar na factura da luz e minimizar na medida do posible os problemas na economía das familias galegas.

A próxima cita desta campaña informativa será o xoves 29 de xullo no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro, en Curtis –20.00 horas–. Ademais, mañá xoves 22, ás 12.30 horas, ofrecerase unha videoconferencia ao respecto a través da aula virtual incluída na web do IGCC para os usuarios das Aulas Cemit.

Na páxina do Instituto Galego do Consumo e da Competencia pode atoparse tamén máis información referida á nova tarifa. Así mesmo, o IGCC pon a disposición de todos os interesados as oficinas que ten repartidas polas sete grandes cidades de Galicia, ou ben o seu teléfono gratuíto 900 23 11 23, operativo de 09 a 14 horas de luns a venres.
 

Data de actualización: 21/07/2021