Lorenzana defende na cámara de comercio da Coruña a implicación do tecido empresarial na reactivación do emprego e da economía

A Coruña, 21 de xullo de 2021

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, reuniuse hoxe co presidente da Cámara de Comercio da Coruña, Antonio Couceiro, e con membros do Comité Executivo da entidade, ocasión que aproveitou para reforzar o seu compromiso de implicar ao tecido empresarial galego para a reactivación económica.


A conselleira explicou que Galicia está no momento de aproveitar as oportunidades, polo que destacou a importancia de acompañar ás empresas galegas na reactivación económica; un camiño no que, indicou, a Xunta está comprometida tras poñer a dispor dos sectores económicos máis afectados pola pandemia “en tempo récord” 587 millóns de euros, a través de tres plans de rescate e outras axudas directas nos últimos meses.
Para Lorenzana, a máxima prioridade da Xunta é a recuperación do emprego. Neste sentido indicou que os últimos datos do paro rexistrado en xuño evidencian un descenso do desemprego, que coincide co incremento nas afiliacións e nas contratacións, tanto na evolución anual como mensual. Ademais Galicia, lembrou, é a única comunidade onde o paro leva baixando seis meses consecutivos, o que a sitúa nunha posición de vantaxe.
No curso da súa visita, a titular de Emprego e Igualdade, remarcou que Galicia parte cunha boa planificación en materia laboral e está a traballar cara a un novo modelo produtivo no que a formación dixital, flexible, adaptada e continuada adquire un papel de relevancia. No mesmo sentido, a conselleira incidiu en que Galicia debe aproveitar a chegada de fondos europeos para a posta en marcha de proxectos tractores que permitirán xerar novas empresas e o crecemento do emprego.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 21/07/2021