Galicia recibirá a metade dos fondos repartidos entre as Comunidades Autónomas no marco do futuro Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura

Á comunidade galega correspóndenlle máis de 366 millóns de euros dos 735 millóns asignados ás autonomías excluíndo Canarias, que conta cun plan de compensación específico

O Executivo galego demanda ao Goberno central a posibilidade de fixar paradas temporais en todas as comunidades, estendéndoas así ás que poderían ter que desenvolverse no Cantábrico-Noroeste

Galicia defende tamén que as distintas entidades de investigación existentes en Galicia poidan participar na asignación de fondos para a elaboración de informes sobre o estado dos caladoiros no marco do Programa Nacional de Datos Básicos
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Pesca na que se aprobaron os criterios de reparto do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (Fempa) para o período 2021-2027 entre os organismos intermedios de xestión da Administración Xeral do Estado e as comunidades autónomas. Nesa distribución a Galicia correspóndenlle preto da metade dos fondos repartidos entre as comunidades -excluída Canarias, que conta cun plan de compensación específico- con máis de 366 millóns de euros dos arredor de 735 millóns de euros outorgados aos Executivos autonómicos.

O Fempa aprobado polas institucións europeas para os vindeiros anos asigna a España un total de 1.120 millóns de euros -un 3,6% menos que os 1.161 millóns de euros do actual FEMP-, dos que a Administración Xeral do Estado se reserva algo máis de 233 millóns de euros. A contía aprobada para Galicia, pola súa banda, supón practicamente a estabilidade dos fondos -cun descenso do 1,3%- ao pasar dos 371 millóns de euros do fondo actual aos máis de 366 millóns aprobados para o período 2021-2027.

Á marxe da asignación dos recursos para as comunidades, a titular do Mar trasladou ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación varias propostas para optimizar o uso do futuro fondo e apoiar de xeito homoxéneo a todas as frotas pesqueiras nacionais. Entre as consideracións trasladadas está a posibilidade de establecer paradas temporais en todas as comunidades, estendéndoas así ás que poderían ter que desenvolverse en augas do Cantábrico-Noroeste, fronte á proposta inicial que limita a súa aprobación a augas do Mediterráneo e o golfo de Cádiz.

Centros de investigación

Outra das propostas defendidas pola conselleira do Mar na Conferencia Sectorial de Pesca refírese á necesidade de que as distintas entidades de investigación existentes en Galicia poidan participar na asignación de fondos para a elaboración de informes sobre o estado dos caladoiros. Esta medida suporía ampliar a máis organismos investigadores a participación no Programa Nacional de Datos Básicos, no que inicialmente está incluído un centro de investigación vasco que conta cunha asignación de catro millóns de euros.
A titular de Mar trasladou a confianza do Executivo galego en que os fondos asignados a España e a Galicia no marco do futuro Fempa permitan impulsar o complexo mar-industria da comunidade e facilitar tanto o traballo dos profesionais do mar como o desenvolvemento das zonas costeiras.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 22/07/2021