A Xunta anima as pemes a apostar pola I+D+i e a colaboración entre sectores estratéxicos para gañar en competitividade

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou hoxe en Ames a empresa D3 Applied Technologies, experta en desenvolver solucións para a industria naval

O Goberno galego aspira a favorecer, a través do programa Cheque Dixital, a dixitalización de máis de 1000 pemes e autónomos en Galicia
 

Ames (A Coruña), 22 de xullo de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou esta mañá en Ames D3 Applied Technologies, unha empresa que desenvolve solucións de I+D+i para a industria naval desde hai unha década, actividade que a fai ser un exemplo de como gañar en competitividade a través de proxectos de innovación entre sectores estratéxicos da economía galega.

Exemplo diso son algúns dos proxectos que está a levar a cabo actualmente, como o desenvolvemento de solucións para mitigar a néboa en estrada, co Grupo Puentes; ou para a dispersión de contaminantes en zonas marítimas, co Porto da Coruña e Novotec. Unha aposta, a da I+D+i, que fará consolidarse a D3 Applied Technoligies como un referente na industria naval e ampliar o seu ámbito de actividade ao sector aeronáutico, civil e industrial.

Así, tal e como destacou Conde, o obxectivo da Xunta de Galicia é contribuír a que empresas galegas como esta poidan ter acceso a unha mellor infraestrutura dixital e máis equipamento para dar valor engadido aos seus produtos e servizos.

Co programa de axudas Cheque Dixital, que conta cun investimento de 4M€, o Goberno galego aspira a chegar a máis de 1000 pemes e autónomos –poñendo especial atención no rural–, e favorecer así a competitividade a través do fomento de proxectos no eido da dixitalización.

Esta iniciativa cubre desde a habilitación de sistemas de control de aforo nas empresas beneficiarias ata outro tipo de melloras como mecanismos de cartelería electrónica, sistemas de notificación no móbil ou a aplicación de solucións de conectividade.

Con esta liña, a Xunta dá continuidade a outras axudas como as destinadas a proxectos en sectores estratéxicos como o téxtil, o naval ou a automoción (7,4M€), ou o programa Galicia Exporta Dixital (6M€), co cal as empresas galegas poden acceder ás novas canles de comercialización online para abrirse camiño ou consolidarse no mercado exterior.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2021