A Xunta engalana 37 tramos do Camiño de Santiago en vilas e cidades para darlle a benvida aos peregrinos

Xacobeo Benvida é unha iniciativa que busca implicar todo o territorio na celebración deste Ano Santo a través da colocación de bandeirolas en tramos peonís do Camiño

Ata o 30 de outubro penduraranse algo máis de 200 bandeirolas repartidos nas nove rutas terrestres do Camiño

Betanzos acolleu a presentación dunha iniciativa que busca sensibilizar e implicar á poboación local dos lugares polos que pasan as diferentes rutas
 

Betanzos, 21 de xullo de 2021

Co dobre obxectivo de darlle a benvida aos peregrinos así como animar e sensibilizar ás poboacións de vilas e cidades galegas das rutas xacobeas da súa pertenza aos Camiños de Santiago, a Vicepresidencia primeira a través de Turismo de Galicia ven de por en marcha o proxecto Xacobeo Benvida, no marco da programación da celebración do Xacobeo 21-22.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro participou esta mañá no acto de presentación desta iniciativa en Betanzos, onde acompañada da alcaldesa de Betanzos, María Barral, do presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás, e de representantes do tecido asociativo relacionado co Camiño Inglés, percorreron o tramo da rúa de Praterías no que se penduraron as grilandas decorativas.

Xacobeo Benvida é un proxecto no que se engalan diferentes tramos dos Camiños de Santiago ao seu paso por 37 cascos históricos das catro provincias. En total, algo máis de 200 bandeirolas decoradas con motivos xacobeos cos que se quere implicar á veciñanza na celebración deste Ano Santo excepcional.

Tal e como destacou a directora de Turismo de Galicia, con propostas coma esta “seguimos apostando por actuacións diversificadas, que impliquen á poboación local e que nos permitan achegar á celebración a todo o territorio a través de iniciativas de baixo impacto, acorde cos valores do Camiño e que cumpran cos requisitos de seguridade sanitaria actuais que, ademais, nos permiten lanzar a mensaxe de que é tempo de camiñar a Galicia”.

Esta decoración, coa que se busca facer máis visible a celebración do Ano Santo e do Xacobeo en todo o territorio galego, permanecerá pendurada ata o 30 de outubro, lembrando o vencello destes concellos coas Rutas Xacobeas.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2021