A Xunta inicia a tramitación do anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga

Feijóo precisa que será un marco normativo que permitirá regular o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración de augas

Indica que Augas de Galicia poderá asumir a xestión do ciclo da auga dos municipios que así o soliciten, contando coa implicación da deputación provincial no financiamento das obras necesarias
 

Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, informou hoxe na rolda de prensa de Consello, do inicio da tramitación do anteproxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga. Será, dixo, un marco normativo que permitirá regular o apoio aos concellos nas súas competencias de abastecemento, saneamento e depuración de augas.

Nese sentido, precisou que con este novo modelo de xestión non só se pretende garantir a calidade dos servizos aos cidadáns, senón tamén colaborar coas entidades locais ante as dificultades técnicas e financeiras contrastadas que teñen moitos municipios.

Sobre este punto Feijóo, destacou o salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración que Galicia experimentou nos últimos anos, ao que contribuíu en gran medida, dixo, a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.000 M€ desde 2009 para execución de infraestruturas hidráulicas. Ao que engadiu que a execución desas infraestruturas debe ir acompañada dunha boa xestión e mantemento.

Máis polo miúdo, o presidente da Xunta explicou que este marco legal establece instrumentos de cooperación entre as administracións con competencias na materia, Xunta, Deputacións e Concellos coa previsión de que Augas de Galicia poida asumir a xestión do ciclo da auga dos municipios que así o soliciten, e contando coa implicación da deputación provincial correspondente no financiamento das obras que sexan precisas.

En definitiva, abundou, un novo modelo que incentiva a xestión profesionalizada e especializada dos servizos da auga, que prioriza as actuacións nas redes para limitar as infiltracións e vertidos contaminantes e que implica igualdade de trato e condicións en todo o territorio.

Finalmente, o titular do Goberno galego salientou que este anteproxecto que inicia hoxe a súa tramitación tamén prevé prezos únicos e xustos e a reordenación dos tributos existentes cunha nova denominación, co obxectivo de garantir a viabilidade económica e financeira da xestión da auga.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2021