A Xunta de Galicia subliña durante unha visita á residencia de Ramirás o indispensable labor dos traballadores e o esforzo dos usuarios destes centros durante a pandemia

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, achegouse esta tarde ás instalacións da Fundación Valdegodos

O Goberno galego achega este ano 2021 máis de 370.000 euros para sufragar os gastos das prazas públicas do centro

Ramirás (Ourense), 22 de xullo de 2021

O director xeral Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe a residencia de maiores de Ramirás, da Fundación Valdegodos. Alí, o representante autonómico subliñou o labor indispensable que os centros residenciais e os traballadores dos mesmos fixeron durante os meses de pandemia, e recoñeceu o incalculable esforzo dos usuarios, que agora poden ir recuperando paulatinamente a súa actividade e adaptarse a esta nova normalidade. A Xunta de Galicia achegou a esta residencia máis de 370.000 euros para sufragar os gastos das prazas públicas deste centro.

Durante a súa visita, González Abeijón puido coñecer os servizos que se prestan na residencia, como o de enfermaría, podoloxía ou o de acompañamento, na que o persoal sanitario do centro fai un seguimento e dá apoio no proceso médico. Ademais, a residencia conta con espazos para levar a cabo diferentes obradoiros e actividades, como a estimulación cognitiva ou iniciativas socioculturais.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 22/07/2021