Ángeles Vázquez invita ao concello da Merca a continuar a recuperación da praza da Verdura a través do fondo de cooperación

Trasládalle que o prazo para poder participar neste programa permanece aberto ata o 1 de outubro

Compartir
  • whatsapp

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2021.- A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou ao alcalde da Merca, José Manuel Garrido, a posibilidade de acceder ao programa Fondo de Cooperación para levar a cabo actuacións de rehabilitación na contorna de praza da Verdura, un espazo que se atopa en plena recuperación.

Deste xeito, trasladoulle que o prazo para poder participar neste programa permanece aberto ata o 1 de outubro.

A conselleira e o rexedor local mantiveron esta semana unha reunión na que repasaron as actuacións de interese para o Concello, que tamén acaba de recibir unha axuda para a mellora de dúas vivendas, ao abeiro do programa de rehabilitación de inmobles de titularidade municipal.

A conselleira felicitou ao alcalde por implicarse na recuperación do patrimonio edificatorio, porque recuperando os inmobles, ademais de evitar a súa degradación e abandono, ofrece oportunidades aos máis novos.

Nese sentido, salientou a situación estratéxica da Merca, un municipio próximo á cidade de Ourense, onde a xente pode iniciar o seu propio proxecto de vida nun concello rural.

Así, un dos principais temas abordados na reunión foi a mellora e humanización de espazos, sobre todo daqueles nas que se rehabiliten vivendas, para definir novos ámbitos nos que poder instalarse a xente moza.

Unha desas zonas é Val do Seixo, ao carón da estrada OU-540, onde se habilitaron 20 vivendas unifamiliares e que ten preto un ámbito de sete parcelas municipais dispoñibles para seguir ampliando os servizos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/07/2021