A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou esta semana a aldea modelo de Trascastro, do concello lucense do Incio

A Xunta valora a posibilidade de implantar un sistema baseado na internet das cousas para a xestión da gandaría extensiva nas aldeas modelo

O proxecto expón a extensión dunha rede de datos que dea cobertura a toda a aldea a través de sensores e que permita recibir información en tempo real en diferentes dispositivos

Tamén se prevé a instalación de sensores tanto nos bebedoiros coma nos pastores eléctricos co fin de controlar e estar ao tanto de posibles incidencias

Gracias ao uso deste tipo de tecnoloxías contribúese á xeración de valor engadido e á sostibilidade dos seus produtos, o que favorece precisamente o desenvolvemento de certificacións como a do leite de pastoreo

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, visitou esta semana a aldea modelo de Trascastro, do concello lucense do Incio. Na súa visita, puido valorar as posibilidades da implantación dun sistema baseado na internet das cousas para a xestión da gandaría extensiva en aldeas modelo coma esta.

Deste xeito, o proxecto expón a extensión dunha rede de datos que dea cobertura a toda a aldea a través de sensores e que permita recibir información en tempo real en diferentes dispositivos. Neste senso, estase a estudar a viabilidade de levar a cabo unha rede aberta de baixa enerxía nas aldeas modelo para que todos os usuarios se poidan conectar e recibir información en vivo dos sensores de xeolocalización de gandaría e de sanidade animal.

Por outra banda, prevese instalar sensores de auga nos bebedoiros co fin de que os gandeiros poidan controlar o nivel da auga dende calquera lugar a través da web, así como sensores que permitan detectar algunha incidencia nos pastores eléctricos, avisando aos gandeiros enviándolles unha mensaxe ao móbil.

Estes dispositivos, que estarían alimentados por placas solares, permitirían dar solucións a problemas como a dificultade das comunicacións determinadas pola orografía galega, ao meso tempo que se dá apoio ao desenvolvemento do rural galego.

Ademais, o proxecto permitirá mellorar e facilitar os procesos produtivos sen perder a súa esencia. Gracias ao uso deste tipo de tecnoloxías contribúese á xeración de valor engadido e á sostibilidade dos seus produtos, o que favorece precisamente o desenvolvemento de certificacións como a do leite de pastoreo.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/07/2021