A Xunta promove a creación de proxectos anovadores de danza e artes vivas coas residencias paraíso na Cidade da Cultura

O colectivo Octopus to de party e a artista María Llanderas participan nas residencias escénicas no Gaiás con dous proxectos que amosarán ao público esta tarde e o 6 de agosto no Salón Teatro.

A quinta convocatoria destas residencias promovidas polo colectivo RPM, congrega oito proxectos financiados cun total de 20.000 euros.

A experiencia enmárcase no programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).
 

Santiago de Compostela, 23 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

Estes días transcorre no Gaiás a quinta edición das Residencias Paraíso, un programa de creación e investigación en danza e artes vivas promovido polo colectivo RPM co apoio da Xunta de Galicia. En 2021 foron oito os proxectos seleccionados entre un total de 160 candidaturas que dan conta da enorme capacidade creativa da comunidade artística vencellada ás artes vivas en Galicia. A comisión deste ano estivo formada por Caterina Varela e Félix Fernández –do Colectivo RPM– e Cris Vilariño, Jacobo Pallarés e Cristina Moreira como profesionais convidadas.

O colectivo Octopus to the Party inaugurou a experiencia no Gaiás cun proxecto homónimo que aborda desde unha óptica transdisciplinar o concepto de festa como elemento vertebrador social indispensable, actualmente en crise pola situación de pandemia que estamos a vivir. O seu traballo, desenvolvido durante o mes de xullo nunha residencia combinada entre a Cidade da Cultura de Galicia e o Salón Teatro, preséntase ao público esta tarde, ás 20,00 horas . O acceso será de balde até completar cabida previa retirada de convite dende media hora antes na entrada ao Salón Teatro.

Na mesma combinación anterior de espazos en residencia e durante tres semanas entre xullo e agosto, a artista María Llanderas desenvolveu o seu novo proxecto creativo. Baixo o título de A idea primaria é esnaquizalo a cabezadas, o proxecto abraza o espírito inconforme da poeta Xela Arias e o seu pulo por facer da súa obra escrita unha arma viva, trasladando ao corpo e ás artes vivas toda esa linguaxe emocional. O venres 6 de agosto ás 20,00 horas a artista fará unha mostra aberta do seu traballo no Salón Teatro.

Canda estas pezas, o programa de residencias complétase cos traballos Antes todo esto era campo do Colectivo Nerval, Coreografías selváticas de Adriana Reyes; 30' 70 60' 120 de Marta Valverde, El dios del pop de Diego Anido, Memorias danzantes de Miriam Rodríguez e Olga Cameselle, e Cerimonia de Helena Salgueiro e Verónica Moar.

A Universidade da Coruña, o Teatro Rosalía de Castro, a igrexa da Madalena de Ribadavia, o Pazo da Cultura de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón, o vello cárcere de Lugo e o Centro Torrente Ballester de Ferrol completan a nómina de espazos que abeirarán o agromar de novas creacións. As súas tipoloxías favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico ou a creación coreográfica, até residencias de carácter técnico.

Os proxectos recibirán un apoio de entre 1.800 e 3.000 euros até o total de 20.000 euros cos que se activa a convocatoria 2021. As Residencias Paraíso buscan atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, fundamental para a xeración de propostas anovadoras.

A iniciativa desenvólvese a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración do Concello de Santiago, o Concello da Coruña, o Concello de Lugo, o Concello de Ferrol, a Vicerreitoría de Igualdade, Cultura e Deporte da UDC, e a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 23/07/2021