Feijóo avanza novos descontos para os usuarios das autoestradas autonómicas como a bonificación do 100% na viaxe de volta ás familias numerosas

Anuncia tamén a extensión ás 24 horas posteriores da viaxe de ida do desconto do 25% na volta e do 50% na segunda volta para usuarios recorrentes

Santiago de Compostela, 29 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe novos descontos nas autoestradas autonómicas encamiñados a que as familias numerosas e os usuarios recorrentes diminúan o seu gasto en peaxes.

Así, por unha banda, bonificarase o 100% da viaxe de volta ás familias numerosas nas estradas que conectan A Coruña-Carballo e Vigo-Baiona. Unha medida, que tal e como explicou, beneficiará a preto de 27.000 familias e será compatible con outros descontos xa en vigor como a rebaixa do 50% en horario nocturno, que se activou en 2019.

E por outra, estenderase ás 24 horas posteriores da viaxe de ida o desconto do 25% na volta e do 50% na segunda volta para usuarios recorrentes co obxectivo de favorecer especialmente a aqueles galegos e galegas que acceden a servizos públicos ou a colectivos específicos cuxas quendas se estenden máis alá desas 24 h.

Finalmente e en relación ao anuncio por parte do Goberno de central de aplicar descontos na AP-9, Feijóo congratulouse de que parte das demandas da Xunta fosen atendidas, aínda que lamentou que non fose así no caso da peaxe de Redondela e dos descontos para vehículos pesados. A este respecto, lembrou que, ao tempo que se facían estas reclamacións, a Xunta predicaba co exemplo coa aplicación de bonificacións no ámbito das súas competencias, convertendo as autoestradas galegas nunhas das máis baratas do Estado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 29/07/2021