A Xunta forma no Incio ao sector da castaña en materia de nocións básicas para o aproveitamento dos soutos

Organizado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverase o vindeiro martes 3 de agosto no local multiusos Cruz do Incio

O obxectivo principal desta acción formativa é informar do que se está facendo no sector para que os produtores de castaña orienten as plantacións aos distintos mercados e poidan facer fronte ás actuais doenzas do castiñeiro

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), desenvolverá o vindeiro martes 3 de agosto un curso sobre nocións básicas para o aproveitamento dos soutos dirixido ao sector da castaña. A acción formativa celebrarase no local multiusos Cruz do Incio, en horario de 16:00 a 20:00 horas.

O programa abordará diversos conceptos como a comercialización, a gama de produtos, os circuítos de venda, a industrialización ou os mercados, así como os modelos de xestión, as variedades priorizadas, as pragas ou os programas de loita.

Deste xeito, o obxectivo principal deste curso é informar do que se está facendo no sector para que os produtores de castaña orienten as plantacións aos distintos mercados e poidan facer fronte ás actuais doenzas do castiñeiro.

Os interesados en anotarse ao curso poderán poñerse en contacto co departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Agacal, a través do teléfono 881 99 72 79 ou do enderezo electrónico formacion.agacal@xunta.gal.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que poden consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/07/2021