A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda mantivo unha reunión coa asociación de empresarios deste parque

A Xunta licitará este ano as obras para a construción dun tanque de tormentas no polígono empresarial de San Cibrao das Viñas

Ángeles Vázquez adianta que o Goberno galego disporá de preto de 300.000 euros para atender esta histórica demanda dos empresarios, que mellorará a xestión das industrias do parque

Os empresarios trasladan á conselleira os parabéns pola planificación de solo industrial a través da segunda modificación do Plan sectorial
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda licitará antes de que remate o ano as obras para a construción dun tanque de tormentas no parque empresarial de San Cibrao das Viñas.

Así llo adiantou a conselleira, Ángeles Vázquez, ao presidente da asociación de empresarios do polígono, José Antonio Rodríguez Araújo, co que mantivo unha reunión esta semana para intercambiar información sobre os avances neste proxecto e na que tamén estivo o alcalde, Pedro Fernández.

Ángeles Vázquez lembrou que de xeito paralelo á licitación, trabállase na redacción do proxecto desta actuación hidráulica e na tramitación da segunda modificación puntual do proxecto sectorial, no que se inclúe esta actuación.

Este encontro tamén serviu para repasar as características básicas do proxecto, no que o Goberno galego investirá preto de 300.000 euros, e co que responderá a unha “histórica e vella demanda” dos empresarios afincados nesta superficie empresarial.

A conselleira trasladoulles que o Goberno galego fixouse o obxectivo de habilitar solo empresarial e industrial para que o empresario aposte por Galicia. Nese sentido, agradeceu as súas achegas á Lei de áreas empresariais, que na actualidade está a analizar o Instituto Galego da Vivenda e Solo, para reforzar as estratexias de desenvolvemento e implantación destas superficies na Comunidade.

Vázquez Mejuto mostrouse convencida de que esta Lei é unha oportunidade para impulsar a implantación das áreas empresariais e mellorar a eficacia das ferramentas dispoñibles e concretar os sistemas de xestión.

Pola último, os empresarios felicitaron á conselleira pola boa planificación do solo empresarial, que a Xunta está a impulsar a través da segunda modificación do Plan sectorial de áreas empresarias de Galicia.

Licitación para ampliar Parque Tecnolóxico

Por outra banda, cómpre salientar que esta mesma semana o consello de administración de Xestur autorizou a licitación do contrato para a redacción da modificación do plan parcial e a redacción do proxecto de urbanización da ampliación do Parque Tecnolóxico por un importe de case 154.000 euros.

Así, desde a Consellería de Medio Ambiente avánzase un paso máis na creación de solo empresarial ao sur de Galicia, un obxectivo no que espera contar coa colaboración do Concello, xa que é a entidade que debe tramitar a modificación do plan parcial e do proxecto de urbanización.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2021