Lorenzana destaca o papel de Vigo a través do Camiño Portugués e anuncia un plan específico de formación para o sector servizos durante o Xacobeo

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, participou hoxe na cidade olívica, xunto coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta, Marta Fernández-Tapias, no V Encontro Xacobeo Peregrinas

Sinalou a importancia de aproveitar as oportunidades do Camiño de Santiago Portugués, o segundo máis transitado despois do francés, para impulsar o emprego

Apuntou que o Goberno galego está a reforzar as medidas para garantir a evolución profesional das mulleres e mellorar a súa inserción laboral e a súa promoción a postos de maior responsabilidade

Vigo, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañadas da delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, participaron hoxe no V Encontro Xacobeo Peregrinas, que se celebrou no novo albergue de peregrinos de Vigo José Manuel López-Chaves, emprazado na Praza do Berbés, unha iniciativa a través da que se pretende visibilizar o papel destacado das mulleres en Galicia e a importancia do emprendemento feminino, así como potenciar o valor do Camiño de Santiago.

Na cidade olívica, pola que pasa o Camiño de Santiago Portugués, o segundo máis transitado despois do Camiño francés e que conta con dúas variantes (pola costa e polo interior), Lorenzana falou da importancia que ten aproveitar as oportunidades que ofrece o Camiño de Santiago para impulsar o emprego.

Neste senso, a conselleira lembrou que precisamente no terreo formativo, a Consellería mantén “un vínculo moi consolidado co Camiño de Santiago” a través de obradoiros de emprego relacionados coa promoción turística e a información ao visitante, “actividades cunha forte presenza feminina” ou a través do novo Plan de formación específico para o sector servizos, que se desenvolverá durante o Xacobeo co propósito de formar a 4.000 traballadores se traballadoras deste ámbito a partir de novembro cun investimento de 4 millóns de euros. A iniciativa desenvolverase a través do primeiro Campus Virtual autonómico de España que está a desenvolver a Xunta de Galicia.

Lorenzana, así mesmo, indicou a importancia que ten para a Xunta garantir a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e, por iso, destacou que o Goberno galego agrupou as áreas de emprego e igualdade nunha Consellería para promover o emprendemento feminino, mellorar o acceso a un emprego de calidade das mulleres e, en definitiva, garantir, entre outros, a igualdade laboral. En palabras da conselleira, para acadar estes retos resulta preciso investir en formación, incentivos á contratación e apoios ao autoemprego.

A conselleira amosou o seu convencemento de que as mulleres galegas xogarán “un papel crucial na recuperación” tras a pandemia e, por iso, apuntou que o Goberno galego vén reforzando as medidas para garantir a evolución profesional das mulleres para mellorar a súa inserción laboral e a súa promoción a postos de maior responsabilidade.

A conselleira precisamente, neste senso, avanzou que Galicia acollerá no mes de setembro un congreso, impulsado pola Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), para poñer en valor o talento empresarial feminino como clave na recuperación tras a covid-19. En definitiva, indicou que o Xacobeo e o Camiño, cun papel destacado das mulleres, están chamados a ser os motores da recuperación de Galicia.

Un espazo de reflexión

Xacobeo Peregrinas nace co obxectivo de xerar espazos de reflexión que fomenten o intercambio de experiencias arredor da peregrinación e o Camiño de Santiago coa muller como protagonista a través das experiencias e reflexións que ofrecerán as diferentes convidadas. Cada mesa ten lugar nun Camiño e conta con figuras senlleiras e recoñecidas en moi diferentes ámbitos de coñecemento. Cada un destes encontros acolle mulleres relevantes en distintas disciplinas profesionais.

Na xuntanza celebrada hoxe participaron a actriz Celia Frijeiro; a cofundadora de Ideas Peregrinas, Silvana Crisóstomo; a secretaria executiva da Asociación Provincial de Transportes de Mercancías por Estrada de Pontevedra (Asetranspo), María de la Cruz Álvarez, e a directora da Escola de Enxeñería de Telecomunicación de Vigo, Rebeca Díaz.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2021