A liña de incentivos apoia actuacións nos municipios con poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes coa fin de garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local

A Xunta outorga 105 axudas a 83 concellos para a execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración cun investimento de 4 M€

Das axudas concedidas, 53 correspóndense con obras de mellora dos servizos de abastecemento municipal e 52 para actuacións de modernización ou construción de instalacións de saneamento e depuración

Os incentivos acadan un máximo de 50.000 € por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación, polo que hai concellos que recibiron as dúas axudas, tanto para intervencións en materia de abastecemento, como de depuración

As axudas, compatibles con outros incentivos, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución das obras, así como os gastos asociados a elas

O departamento que preside Ethel Vázquez mantén o apoio ás entidades locais na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, que redundan na calidade de vida das poboacións dos municipios máis pequenos de Galicia

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, outorgou 105 axudas a 83 concellos para executar obras de abastecemento, saneamento e depuración cun investimento global que rolda os 4 millóns de euros.

Destas axudas, un total de 53 foron concedidas ás propostas das entidades locais vinculadas á execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal.

O resto das axudas, 52, van destinadas ás iniciativas presentadas polos municipios para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

Os 4 millóns cos que estaba dotada esta orde de axudas distribuíronse en dous grupos: o 50% do importe a obras executadas en sistemas de abastecemento e o outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.

Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Con esta iniciativa o departamento que preside Ethel Vázquez segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/08/2021