A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou telematicamente este acordo co alcalde de Coirós, Francisco Quintela

A Xunta asina co Concello de Coirós a colaboración para executar a ampliación da rede de saneamento deste municipio cun investimento de 850.000 euros

O obxectivo é acometer obras de saneamento en Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e Colantres e Queirís, conectando estas novas redes coas xa existentes

A Xunta cofinanciará a actuación nun 80% coa achega de 680.000 euros e o Concello aportará o importe restante, 170.000 euros

O Goberno galego mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que poidan prestar os servizos de saneamento e abastecemento de competencia local

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou telematicamente co alcalde de Coirós, Francisco Quintela, o convenio de colaboración para impulsar a ampliación da rede de saneamento deste municipio coruñés, cun investimento de 850.000 euros.

O acordo recolle a execución das obras de saneamento nos núcleos de Agra-Figueiras, en Santa Mariña de Lesa, e de Colantres e Queirís, na parroquia de San Salvador de Colantres, conectando estas novas redes de saneamento coas xa existentes. Estes traballos contarán cun prazo de execución de 8 meses.

A Xunta apoiará ao Concello no desenvolvemento das súas competencias municipais cofinanciando a actuación nun 80% coa achega de 680.000 euros. Tamén levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras ata completar a súa finalización e formalizar os correspondentes actos de recepción.

Pola súa banda, o Concello de Coirós contribuirá ao financiamento do 20%, cun investimento de 170.000 euros, comprometéndose a someter o proxecto das obras a información pública, así como a pór á disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións. Tamén asume a realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución, así como a recepción mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.

Augas de Galicia prevé realizar esta actuación no marco do Eixe REACT UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, como parte da resposta da UE á covid-19.

Actuacións a executar

A poboación en todo o termo municipal de Coirós atópase dispersa en pequenos núcleos. Na actualidade existe unha rede de saneamento en Agra-Figueiras, Colantres e Queirís que non cobre a totalidade dos núcleos limitándose, esencialmente á marxe esquerda da estrada N-VI en sentido A Coruña.

Ademais conta con estacións de depuración de augas residuais nos núcleos de Colantres e Queirís, onde se conectarán os novos colectores deses núcleos; así como cunha terceira depuradora de augas residuais no núcleo de Merille á que se conectará a rede de saneamento de Agra-Figueiras.

A actuación proxectada desde Augas de Galicia para a ampliación da rede de saneamento en Coirós prevé a execución de 16 novos tramos. A rede de colectores proxéctase en tubaxe de PVC de diámetro 250 mm. Tamén prevé a execución dunha estación de bombeo para recoller as augas residuais urbanas do colector Agra-Figueiras. Trátase dunha estación de bombeo construída in situ enterrada, en formigón armado.

Estas actuación dará servizo a unha poboación total futura de 509 habitantes no ano horizonte 2043.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.

Data de actualización: 30/07/2021