A Xunta concede axudas para a mellora dos sistemas de abastecemento e depuración aos concellos da Lama, Dozón e Crecente

O delegado territorial, Luis López, anunciou a concesión destas achegas de Augas de Galicia para municipios de ata 5.000 habitantes nunha visita á Lama co alcalde, Jorge Canda

A actuación no concello da Lama consistirá na modernización da rede de saneamento no lugar de Laxedo cunha axuda da Xunta de case 30.000€

“A Consellería de Infraestruturas está comprometida coa colaboración cos concellos para mellorar estes servizos de competencia municipal”, explica Luis López
 

A Lama, 2 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de conceder axudas para a mellora dos sistemas de abastecemento e depuración de augas aos concellos da Lama, de Dozón e de Crecente ao abeiro da orde para estas actuacións orientadas aos municipios de ata 5.000 habitantes.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou a aprobación destas achegas, outorgadas por Augas de Galicia, nunha visita realizada este mediodía á Lama xunto ao alcalde, Jorge Canda.

“A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está comprometida coa mellora dos servizos de subministración de auga potable e saneamento, malia tratarse de competencias municipais e por iso establece constantes liñas de colaboración cos concellos, como é o caso desta nova convocatoria, que vai cofinanciar máis dun cento de proxectos en toda Galicia”, explicou Luis López.

No caso da Lama, a achega realizada pola Xunta, que ascende a case 30.000 euros, orientarase á mellora da rede de saneamento no lugar de Laxedo, pertencente á parroquia de Covelo.

Ademais, tamén se investirán máis de 90.000 euros no concello de Crecente, que se destinarán ao reforzo do abastecemento nos lugares das Cavadas e O Cazapal e á dotación de saneamento nas aldeas da Xesta e Xestal.

Así mesmo, o concello de Dozón será beneficiario de dúas achegas, que tamén superan os 90.000 euros e que financiarán a modernización da subministración no polígono industrial e no lugar de Aldea Grande e a redacción do anteproxecto para unha depuradora na Gouxa.

Estas axudas servirán para sufragar gastos realizados dende o pasado 1 de xaneiro e inclúen tanto o investimento directo na execución das obras como os gastos asociados a elas, entre os que poden figurar o control de calidade ou a dirección dos traballos.

Estas achegas están financiadas co eixo React-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 02/08/2021