A Xunta reclama ao Goberno central cogobernanza real, equidade e lealdade institucional para xestionar a pandemia e a recuperación económica

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, participou por vía telemática na Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia reclama ao Goberno central cogobernanza real, equidade e lealdade institucional para xestionar axeitadamente a pandemia e a recuperación económica.

Así o expuxo hoxe o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez logo de asistir á Conferencia Sectorial do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia que se celebrou esta mañá de forma telemática.

Valeriano Martínez criticou que segue sen existir unha cogobernanza real tan e como esixe a Unión Europea, e que os fondos se reparten nas distintas conferencias sectoriais sen coherencia entre si e sen que as comunidades autónomas sexan consultadas ou poidan opinar sobras as diferentes asignacións.

Neste sentido, o conselleiro explicou que na reunión de hoxe, Galicia reclamou unha maior claridade e que se complete e concrete canto antes o reparto dos fondos que foron anunciados o pasado venres na Conferencia de Presidentes para poder elaborar os presupostos coa máxima certeza.

Ademais, subliñou que o Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e o seu reparto deben contribuír á “cohesión territorial e social, que non queda garantida, e isto é o máis importante para nós”; e mostrou a súa insatisfacción pola tardanza na implantación dos sistemas de información deste Mecanismo “o cal ralentiza a execución dos fondos de recuperación”, apuntou.

Finalmente, o conselleiro de Facenda e Administración Pública pediu que nese sistema de información se contemplen todas aquelas actuacións que se van levar a cabo en Galicia tanto por parte da Administración do Estado como polas corporacións locais.
 

Data de actualización: 02/08/2021