A Xunta afronta a nova onda da pandemia da covid con solucións innovadoras axustadas á situación actual

O uso do certificado covid para o acceso a interiores, a instalación de puntos de test de antíxenos nos distritos, ou o sistema de rexistro dos resultados dos autotest nas oficinas de farmacia, destacan como novas medidas ante esta onda

O conselleiro de Sanidade defendeu no Parlamento que o uso destas novas solucións permitiu equilibrar mellor a protección da saúde coa continuidade da actividade económica

García Comesaña lembrou que, a menor afectación asistencial, permitiu que os hospitais galegos desenvolverán o Plan de Recuperación de Actividade, e reduciran en xuño os tempos medios de espera en probas, consultas e intervencións cirúrxicas
 

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, que a Xunta de Galicia afronta a nova onda da covid con solucións innovadoras axustadas á situación epidemiolóxica actual. Entre o conxunto de medidas adoptadas, o titular da carteira sanitaria remarcou o uso do certificado covid para o acceso a interiores, a instalación de puntos de test de antíxenos nos distintos distritos sanitarios, ou o sistema de rexistro dos resultados dos autotest nas oficinas de farmacia. Estas e outras medidas, -dixo o responsable da sanidade pública galega-, permitiron equilibrar mellor a protección da saúde coa continuidade da actividade económica.

Na súa intervención diante da Cámara galega, o conselleiro anunciou que, nesta primeira semana de agosto, a Xunta de Galicia vacinará a 135.000 persoas, das que 93.104 serán primeiras doses para o grupo de idade de 20 a 29 anos. Tamén sinalou que non ten constatación da chegada das doses extras que anunciou o Goberno.

Igualmente destacou que Galicia ten xa máis dun 71% da poboación diana completamente inmunizada, sendo a segunda comunidade con maior porcentaxe de poboación por riba dos 40 anos coas dúas doses administradas, un 93,9%.

O titular da carteira sanitaria do Executivo galego incidiu en que, o conxunto de medidas postas en marcha pola Xunta para facer fronte a esta nova onda da covid, foron refrendadas todas elas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, grazas ao intenso traballo técnico realizado polo persoal de saúde pública, a secretaría xeral técnica e á asesoría xurídica. Ao respecto, o conselleiro celebrou que, por fin Galicia, teña unha lei vixente para xestionar a pandemia, logo de que o Tribunal Constitucional levantará a suspensión da Lei de Saúde de Galicia e o Goberno de España retirase o seu recurso, e remarcou que a Xunta seguirá aplicando as medidas precisas para salvagardar a saúde da cidadanía galega.


García Comesaña incidiu que as medidas de prevención e control da covid que está a tomar nesta nova onda o Goberno galego, sempre co apoio do Comité Clínico, están adoptadas de acordo ao novo escenario de prevalencia dos casos entre a poboación máis nova, e na que, nunha porcentaxe maioritaria, non ten consecuencias clínicas importantes. Con esta adaptación das medidas, a Xunta evita os peches totais de actividades económicas, xa que agora existen amplos sectores da poboación que poden participar nelas de xeito seguro ao estar xa vacinados.

Tamén subliñou o conselleiro que, a menor afectación asistencial nesta nova onda, permitiu que os hospitais galegos desenvolveran un Plan de Recuperación da Actividade, e reduciran en xuño os tempos medios de espera en probas, consultas e intervencións cirúrxicas.

Potenciación dos labores de rastrexo

Coa fin de detectar precozmente os casos e o seu illamento para bloquear os avances da infección, García Comesaña destacou a incorporación de 250 novos efectivos nas últimas semanas á Central de Seguimento de Contactos. De feito, a central realiza o primeiro contacto co positivo, tal e como está establecido en Galicia, nas primeiras 24 horas, unha vez se constata ese diagnóstico.

Esta pasada fin de semana, a Central contactou con 2.177 casos, o 93% do total nas primeiras 24 h. En total, realizou ao longo desta fin de semana, 41.650 chamadas. Dende a primeira semana de xullo e ata finais de mes, púxose en contacto cun total de 27.245 positivos, con 97.064 contactos, e realizou 389.748 chamadas, cifras que dan dimensión do traballo realizado.

Próxima convocatoria do Consello técnico de Atención primaria

Na súa intervención no Parlamento, o titular da carteira sanitaria reclamou de novo, ao Ministerio de Sanidade, a convocatoria de prazas extraordinarias de MIR para poder formar a máis profesionais, xa que a realidade é que non hai médicos que poder contratar nin tampouco persoal de enfermería. Mentres esta situación non se arranxe, a Xunta segue a tomar medidas, e procedeu a implantar Plans locais de saúde, á redistribución das competencias e ao traballo multidisciplinar, así como á desburocratización e a integración de novas categorías que permitirán mellorar o primeiro nivel asistencial.

A pesar da escaseza de persoal, o conselleiro destacou que, ao redor do 80% dos cupos de atención primaria en Galicia, están ofrecendo cita para consulta en menos de catro días, e a presencialidade aumentou en 12 puntos dende o mes de maio.

García Comesaña anunciou que, mañá mesmo, a Consellería de Sanidade reúnese co Consello Técnico de Atención Primaria, co obxectivo de avanzar en dotar ao persoal de enfermería de máis capacidades e tamén aos farmacéuticos de primaria, para, deste xeito, liberar aos facultativos dalgunhas funcións.

 

Descenso da incidencia a sete dias

O conselleiro remarcou que a Xunta seguirá a adoptar medidas precisas e axustadas á realidade galega, tomando a iniciativa en cuestións como o funcionamento do certificado de vacinación e a posta a disposición dos galegos e galegas de probas diagnósticas con sistemas innovadores, cos que Galicia volve a ser pioneira.

Continuarase, así mesmo avanzando na vacinación nos grupos nos que o virus está tendo máis incidencia e parece que todo isto está a dar os primeiros resultados. Así, a incidencia acumulada a sete días comeza a descender, a pesar de que Galicia empezou a notar os efectos da quinta onda con atraso respecto ao resto do Estado, o que nos anima a continuar traballando con cautela para superar esta nova onda, -rematou o conselleiro-.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 03/08/2021