A Xunta destaca a importancia de fomentar as actividades destinadas aos maiores que viven no rural, como as que se realizan no centro do Viso en Sarreaus

O Goberno galego achega máis de 230.000 euros para levar a cabo programas no Centro de Desenvolvemento do Rural do Viso destinado ás persoas que viven no medio rural

Sarreaus (Ourense), 2 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, visitou hoxe o Centro de Desenvolvemento Rural do Viso, en Lodoselo, que pertence á entidade Terra e Xente, que ten como obxectivo acompañar ás persoas afincadas no rural, desde os máis pequenos ata os máis maiores. Alí coñeceu ás persoas que diariamente participan nas distintas rutinas cotiás que se desenvolven no centro. A Xunta de Galicia achega través da orde de axudas do IRPF, máis de 230.000€ para levar a cabo diferentes programas.

Fernando González Abeijón, percorreu as instalacións e puido ver os diferentes espazos como a vivenda comunitaria, a cociña, o comedor social, entre outros. Ademais coñeceu de primeira man os programas levados a cabo neste centro, como o de Aldeas activas e saudables, ao que a Xunta de Galicia achega máis de 50.000 euros, centrado na promoción da autonomía, prevención da enfermidade, loita contra o illamento e soidade e no empoderamento das persoas maiores do rural.

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, puxo en valor o labor levado a cabo por estas entidades que traballan no envellecemento activo, na participación social e na prevención da dependencia das persoas maiores que viven no medio rural. Ademais destacou que este, foi un dos colectivos que se viron máis afectados durante este ano de pandemia e que agora é o momento de recuperar todas as actividades que ata este momento non se puideron levar a cabo polos protocolos de prevención sanitarios.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Política Social
Data de actualización: 05/08/2021