A Xunta destina máis de 2 millóns de euros a financiar medio cento de obras de abastecemento e saneamento en Lugo

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de ampliar o crédito deste programa de axudas, duplicando o orzamento na provincia e pasando de 20 a 37 concellos beneficiarios

O delegado territorial, Javier Arias, destaca que a iniciativa permite “estender e mellorar os servizos básicos de auga no rural”

Lugo, 9 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destina 2.124.500 euros a financiar 52 obras de abastecemento e saneamento en Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de ampliar o orzamento desta liña de axudas, o que na provincia supuxo duplicar con creces o investimento inicial e pasar de 20 a 37 municipios beneficiados.

Arias subliñou que esta iniciativa está dirixida aos concellos de menos de 5.000 habitantes, e “significa un importante apoio para os municipios máis pequenos, para estender e mellorar os servizos básicos de auga no rural”.

En concreto, na provincia outorgáronse 32 achegas ás propostas das entidades locais vinculadas á execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal. As outras 20 axudas van destinadas ás iniciativas presentadas polos municipios para actuar na modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes, así como á construción de novas infraestruturas.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por actuación, sendo compatibles ambas liñas. De feito, en Lugo obtiveron achegas para executar dúas obras -unha en cada apartado- os concellos de Begonte, Cervo, Cospeito, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, Pantón, O Páramo, A Pastoriza, Pol, A Pontenova, Portomarín, Quiroga, Rábade, Ribas de Sil e Xove.

No conxunto de Galicia, Augas de Galicia destina preto de 9 millóns de euros a 217 actuacións en 152 municipios. Os incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Data de actualización: 09/08/2021