O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe a actuación acompañado do alcalde do municipio, Antonio Lomba

A Xunta destaca o avance das obras da nova escola infantil da Guarda, que entrará en funcionamento para o curso 2022-2023

Os traballos comezaron o pasado mes de marzo e o prazo de execución previsto é de 14 meses

A intervención consiste na rehabilitación das que foran vivendas dos mestres e do comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde

O centro contará con 41 prazas distribuídas en tres unidades. Tamén disporá dun patio de recreo; aseos; cociña e diferentes estancias para o uso do persoal do centro

O investimento conxunto da Administración autonómica e do Concello neste novo servizo público ascende a 692.000 euros

A Guarda (Pontevedra), 12 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia abrirá a nova escola infantil da Guarda no curso 2022-2023 para poñer a disposición das familias da zona 41 prazas para nenas e nenos de 0 a 3 anos. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, acompañado do alcalde do municipio pontevedrés, Antonio Lomba, comprobou hoxe sobre o terreo o avance destas obras nas que as Administracións autonómica e a local invisten 692.000 euros.

Perfecto Rodríguez valorou o bon ritmo dos traballos que se iniciaron no pasado mes de marzo e que está a desenvolver a empresa Construcións Ramírez S.L. cun prazo de execución de 14 meses. Ao respecto, destacou que “esta importante actuación é posible grazas á implicación e á colaboración da Xunta e do Concello”.

Así mesmo, o xerente sinalou que coa futura entrada en funcionamento deste centro “melloraranse as posibilidades de conciliación das nais e pais da Guarda”. De feito, con esta nova escola a ratio de cobertura de atención á infancia elevarase ata o 49%, 16 puntos por riba da recomendada pola Unión Europea (UE).

Rehabilitación

Este novo servizo público estase a construír nas antigas vivendas e no comedor do antigo colexio Manuel Rodríguez Sinde. A intervención supón a rehabilitación deste inmoble, do que se conservará parte da fachada. A escola ocupará unha superficie de 680 metros cadrados, coas súas 41 prazas distribuídas en tres unidades. Tamén disporá dun patio para o recreo das pequenas e pequenos; aseos; cociña e diferentes estancias para o uso do persoal do centro.

Do orzamento de 692.000 euros que ten esta nova escola, a Xunta achega 410.000, procedentes nun 80% do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder). Pola súa parte, o Concello sufraga os 282.000 euros restantes.

Rede do Consorcio

Unha vez que as obras estean finalizadas, a Administración autonómica ocuparase da contratación e dos custes do equipamento necesario para a entrada en funcionamento do centro, que se xestionará a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar de acordo co modelo de financiamento acordado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Así pois, esta nova escola da Guarda sumarase á rede pública autonómica que depende do Consorcio, que no vindeiro curso que comezará en setembro contará con 146 centros.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/08/2021