A Xunta destina 247.600 euros a financiar oito obras de abastecemento e saneamento na Terra Chá

O delegado territorial, Javier Arias, explicou que en Begonte vanse realizar melloras nos depósitos de Santalla e Gaibor e no tratamento de augas residuais en Cobos

Tamén reciben achegas os concellos de Cospeito, A Pastoriza, Muras e Xermade

Begonte (Lugo), 14 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia destina 247.600 euros a financiar oito obras de abastecemento e saneamento nos concellos chairegos de Cospeito, A Pastoriza, Muras, Xermade e Begonte. En concreto, neste último destínanse 62.700 euros a dous proxectos: a mellora da rede de abastecemento municipal de auga potable nos depósitos de Santalla e Gaibor e o saneamento de Cobos.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, coñeceu os traballos a desenvolver neste municipio acompañado polo alcalde, José Ulla, e residentes do barrio de Cobos, entre outros. As actuacións permitirán dar servizo ao local social construído recentemente polos propios veciños así como a varias parcelas da zona, sen necesidade de bombeo; prevese que estean rematadas a finais do mes de outubro.

Arias explicou que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, xestiona estas achegas para concellos de menos de 5.000 habitantes. “Son un importante apoio para os municipios máis pequenos, para estender e mellorar os servizos básicos de auga no rural”, indicou.

O límite máximo das axudas é de 50.000 euros por actuación, sendo compatibles ambas liñas, para abastecemento e saneamento. De feito, na comarca tamén obtiveron apoios para executar dúas obras -unha en cada apartado- A Pastoriza e Cospeito.

Neste sentido, lembrou que a Consellería ampliou recentemente o orzamento da convocatoria, o que na Terra Chá supuxo duplicar o número de actuacións. En conxunto, fináncianse cinco obras para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal, e tres para instalacións de saneamento e depuración.

Os incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.


Esta actuación da Xunta conta co financiamento do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/08/2021