Os bonos Consolida e Transforma Economía Social poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro con axudas de ata 50.000€

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os dous programas nos que a Consellería de Emprego e Igualdade inviste preto de 5,4 millóns de euros

O Bono Consolida, dotado con 2,8 millóns, céntrase en axudas, cun máximo de ata 20.000 euros, para apoiar a transformación dixital favorecendo o incremento da competitividade das compañías que conten cunha antigüidade mínima de 42 meses

O Bono Transforma Economía Social, con 2,5 millóns, impulsará a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social

Apoiarase, en concreto ás persoas que decidan asumir a titularidade destas firmas mediante a creación dunha cooeprativa ou de unha sociedade laboral para manter os postos de traballo e a actividade económica

Os dous novos programas, que se activan por primeira vez en Galicia, forman parte da Estratexia galega de economía social a través da que a Xunta destina este ano 33 millóns de euros, un 22% máis que en 2020

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

As axudas dos bonos Consolida e Transforma Economía Social da Consellería de Emprego e Igualdade poden solicitarse desde mañá e ata o próximo 30 de setembro, tal e como se recolle hoxe nas ordes que saen publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG). Trátate de dúas novas liñas de apoio ás que a Xunta destina 5.375.000 euros. Trátase do Bono Consolida, dotado con 2.875.000 euros, para a mellora da competetividade e do Bono Transforma Economía Social que con 2,5 millóns de euros impulsará a recuperación de negocios en crise ou sen remuda xeracional mediante fórmulas de economía social.

O Bono Consolida ten como finalidade o afianzamento de entidades de economía social mediante tres liñas de axudas que inciden na transformación dixital das empresas para favorecer o incremento da súa competitividade. A Xunta prevé beneficiar con esta iniciativa a 300 empresas (cooperativas, sociedades laborais, empresas de inserción laboral ou centros especiais de emprego) que estean inscritas nos rexistros administrativos de Galicia e conten cunha antigüidade mínima de 42 meses.

Este programa inclúe tres liñas de apoio: para a transformación dixital da entidade, para a profesionalizacióne desenvolvemento estratéxico e para a mellora da competitividade empresarial a través de investimentos comúns.

Para a transformación dixital das empresas financiaranse os plans de usos de novas tecnoloxías, os equipamentos informáticos e a adquisición e desenvolvemento de software e páxinas web.

A liña de profesionalización e desenvolvemento estratéxico apoiará as investigacións de mercado e análise de potencial competitivo; os plans de márketing, comunicación ou de relanzamento comercial; os plans de futuro e de mellora do negocio; os plans de mellora de xestión financeira; os plans de integración empresial; os análises de cumprimento normativo e riscos legais; a obtención de certificacións de calidade; e a creación e desenvolvemento da imaxe corporativa da entidade.

O terceiro dos programas do Bono Conslida inclúe axudas para a adquisición de equipamento; reforma do local; e mobiliario.
O Bono prevé anticipos de ata o 90% e cubrirá ata o 80% do custo subvencionable cos límites seguintes: 10.000 euros para os gastos incluídos na liña de transformación dixital; e 5.000 euros en cada un dos outros dous programas. O máximo que poderá percibir unha empresa será 20.000 euros por solicitante.

O Bono Transforma Economía Social

O Bono Transforma Economía Social, por outra banda, impulsará a recuperación duns 40 negocios en crise ou sen opción a remuda xeracional mediante fórmulas de economía social, apoiando ás persoas traballadoras que decidan asumir a titularidade destes negocios mediante a creación dunha cooperativa ou dunha sociedade laboral que lles permita manter os postos de traballo e a actividade económica.

O programa inclúe catro liñas de financiamento cun máximo de 50.000 euros por entidade beneficiaria. Así, a Xunta prevé apoios para investimentos vinculados á adquisición de activos esenciais para o óptimo funcionamento da nova entidade con apoios máximos de ata 40.000 euros; para os asesoramentos precisos no cumprimento das obrigas legais e no proceso de planificación e valoración económica previa ao proceso de transformación con axudas máximas de ata 10.000 euros; para o desenvolvemento de servizos de profesionalización, planificación e plans estratéxicos con apoios máximos de ata 10.000 euros; e para financiar gastos correntes nos que incorra a entidade transformada nos doce meses seguintes a súa constitución con axudas máximas de ata 10.000 euros.

O Bono Transforma Economía Social tamén inclúe anticipos do 90% e financiará como máximo o 80% dos custes. As contías máximas en cada liña de axudas incrementarase nun 10% no caso de entidades que se vaian a transformar e estean nun proceso concursal; cando a entidade transformada estea emprazada nun concello rural; o cando sean empresas orientadas á venda de produtos.

O Goberno galego considera que as empresas de economía social teñen demostrado a súa capacidade de resistencia en tempos de crise económica, de creación de emprego estable e de calidade e de vinculación co territorio polo que resulta unha das súas prioridades facilitar a súa consolidación e poden constituír unha alternativa viable para aquelas empresas mercantís que corren perigo de peche sexa por motivos económicos, financeiros ou comerciais, ou sexa por falta de remuda xeracional. Neste contexto derivado da covid-19, é preciso para a Administración autonómica impulsar este tipo de apoios que se encadran na Estratexia galega de economía social 2019-2021 a través da que este ano a Xunta inviste 33 millóns de euros, un 22% máis que en 2020.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/08/2021