A Xunta advirte de que a situación dos encoros na conca do Miño-Sil é preocupante e extremará a vixilancia da súa evolución

Os niveis de auga encorada nestes momentos en As Portas, Cenza, Salas e Belesar son similares aos que adoitan presentar en outono, polo que un escenario de posible seca nos próximos meses implicaría terribles consecuencias para o caudal ecolóxico


A Consellería de Medio Ambiente ordena inspeccións periódicas nestas zonas por parte dos seus axentes co fin de detectar calquera posible afección á biodiversidade

Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Xunta de Galicia vixiará estreitamente a evolución dos niveis de ocupación dos encoros de As Portas, Cenza, Salas e Belesar, na conca hidrográfica do Miño-Sil, ao considerar que a súa situación actual é moi preocupante e que un posible escenario de seca en Galicia durante os vindeiros meses podería agravala aínda máis.

Segundo as comprobacións feitas nas últimas horas por técnicos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, organismo responsable do establecemento e control do caudal ecolóxico na Comunidade, cómpre subliñar que os datos de ocupación nestes catro encoros non son os esperados nin os habituais para esta época do ano.

De feito, no caso do encoro de Belesar, en Lugo, e no de Salas, na comarca ourensá da Limia, os informes da Xunta indican que o seu actual nivel de ocupación —30,1% e 27,3%, respectivamente— non se alcanzou o ano pasado ata finais do mes de outubro. No caso de Portas e Cenza, ambos na provincia de Ourense, a situación é aínda máis anómala xa que en ningún momento de 2020 chegaron a estar, como agora, a un 15% da súa capacidade—a ocupación mínima foi dun 55,9% no caso do encoro de As Portas e dun 20% no de Cenza—-.

Neste sentido, cómpre subliñar que o outono adoita ser a época de maior seca en Galicia, de xeito que os encoros alcanzan os seus niveis máis baixos cara a finais de outubro. Pero tendo en conta a actual ocupación de Belesar, Salas e sobre todo, As Portas e Cenza, se non chove nos vindeiros meses a situación podería complicarse moito.

Así mesmo, axentes ambientais dependentes da Consellería desprazáronse onte e hoxe ata os catro encoros sen constatar polo momento afeccións sobre a fauna ou a flora. Estas inspeccións de oficio foron ordenadas desde o departamento de Patrimonio Natural co fin de comprobar a existencia de posibles danos na biodiversidade e volverán repetirse nos vindeiros días todas as veces que sexan necesarias, para verificar que se respecta o caudal ecolóxico establecido en cada caso co fin, precisamente, de garantir a cantidade de auga necesaria para preservar os valores ecolóxicos deste tipo de masas.

En definitiva e ante a situación xerada pola incomprensible decisión dos titulares dos aproveitamentos hidroeléctricos de Belesar, Salas, As Portas e Cenza de baleirar estes encoros, a Xunta de Galicia advirte de que seguirá vixiante e non dubidará en actuar con rapidez e contundencia se detecta o máis mínimo incumprimento do caudal ecolóxico ou calquera tipo de consecuencias ambientais nestas zonas.