A economía galega creceu no segundo trimestre un 17,5%, o mellor rexistro da serie histórica

O PIB reactivouse de abril a xuño cunha forte alza do consumo dos fogares e do gasto das administracións públicas

A economía galega medrou un 3% en relación ao primeiro trimestre, dúas décimas máis que o conxunto da española

O emprego incrementouse nun 26,7%, sete puntos por riba da media de CC.AA.

Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A economía galega creceu no segundo trimestre do ano un 17,5%, o que supón o mellor rexistro da serie histórica, polo que a taxa interanual volve a ser positiva por primeira vez desde o inicio da pandemia da Covid-19.

En canto á taxa intertrimestral, o PIB galego medrou un 3% entre abril e xuño, dúas décimas máis que a media de España. Así o reflicten os datos da contabilidade trimestral que publica hoxe o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Desde o punto de vista da demanda, no segundo trimestre do ano produciuse unha forte reactivación do consumo dos fogares galegos, cun alza do 23,4%; así como do consumo das administracións públicas, que aumentou nun 8,2%, máis do dobre que no conxunto de España. Ademais, a formación bruta de capital rexistrou un crecemento do 17,8%.

No que respecta á oferta, os servizos e a industria tiveron os maiores aumentos, cun 19,8% e 18,7%, respectivamente; mentres que a construción se incrementou nun 9,3%. Tan só rexistrou taxas negativas o sector primario, debido a que foi o que menos sufriu o impacto da pandemia o ano pasado.

Ademais, os datos da contabilidade trimestral do IGE mostran que o emprego –medido en termos de postos de traballo equivalentes a tempo completo- tivo un crecemento do 26,7%, sete puntos por riba da media de CC.AA., o que supuxo un incremento de 18.381 postos de traballo respecto do trimestre anterior.

Este comportamento positivo do emprego permite crecementos en todos os sectores, sendo os maiores na construción (36,8%); e nos servizos (29,6%), salientando un avance do 53,8% na rama de comercio, transporte e hostalería. Pola súa banda, na industria os postos de traballo equivalentes a tempo completo creceron un 23,3% e no sector primario un 2%.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/08/2021