A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recibiu esta tarde á alcaldesa do municipio, un dos máis afectados polos danos desta especie

A Xunta empraza ao Concello de Viveiro a sumar esforzos dentro da fronte común impulsada para que o Goberno central retire a orde do lobo

Ángeles Vázquez subliña que comparte a preocupación dos rexedores da Mariña lucense ante os últimos ataques detectados na comarca pero avisa de que se o Goberno non rectifica, a nova regulación favorecerá a expansión da especie e haberá máis danos

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, reuniuse esta tarde coa alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, para falar dos danos ocasionados neste concello polos ataques protagonizados por lobos e as posibles solucións a adoptar fronte ao problema.

Neste sentido e tras lembrar que a futura xestión da especie depende da orde que tramita o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (Miterd), a conselleira emprazou á rexedora a sumar esforzos dentro da fronte común que lideran desde hai meses Galicia, Asturias, Castela e León e Cantabria co obxectivo de lograr que o Goberno central rectifique e dea marcha atrás neste asunto.

Tal e como lle trasladou a conselleira, a finalidade da devandita orde é incrementar o actual nivel de protección do lobo ibérico, o que impediría na práctica calquera acción de control cinexético sobre a mesma e “só empeorará a situación actual” en comarcas como A Mariña, unha das máis afectadas na Comunidade polos ataques desta especie.

Neste sentido, Ángeles Vázquez asegurou que comparte a preocupación dos veciños de Viveiro e da propia alcaldesa, razón pola que o seu departamento leva anos convocando de forma periódica sucesivas ordes de axudas dirixidas tanto a previr os danos causados polo lobo, como a paliar e indemnizar aos afectados polos seus eventuais ataques.

Sen embargo, insistiu en que se o Goberno central “segue ignorando” a opinión das comunidades lobeiras, que aglutinan o 95% dos exemplares desta especie e levan anos xestionando en solitario estas poboacións para garantir a súa coexistencia coa gandaría e o resto de actividades coas que comparten territorio, o problema agravarase e os eventuais danos causados por estes animais pasarán a ser imputables unicamente ao Estado, xa que as comunidades se quedarán sen capacidade de xestión.

Por todo o exposto, a conselleira animou á rexedora de Viveiro a implicarse activamente e amosar o seu apoio explícito á demanda da Xunta —avalada xa por outras 10 comunidades autónomas, concellos e as principais organizacións agrarias a nivel nacional e autonómico— e esixir a retirada inmediata da orde ministerial para a inclusión do lobo ibérico na Listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial.

Unha proposta que fixo extensible, tamén, ao resto de rexedores da Mariña lucense, que coñecen desde o primeiro momento as repercusións que pode traer consigo a aprobación desta orde, así como o impacto económico e social que causa o lobo no sector primario.

Cómpre lembrar que a orde ministerial está pendente do ditame definitivo do Consello de Estado, un organismo que xa no mes de xullo e tras unha primeira revisión da documentación remitida polo Ministerio, amosou as súas dúbidas ao respecto de que o aumento da protección do lobo estea xustificada nos termos que propón o Goberno central.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 31/08/2021