A Xunta organiza a semana vindeira dous cursos en Chantada e Vilardevós sobre enxertos e podas dos castiñeiros de froito para a renovación dos soutos

As accións serán impartidas polo departamento de Protección da Calidade Diferenciada da Axencia Galega da Calidade Alimentaria

O curso de Chantada está previsto o martes 7 de setembro no Telecentro desta localidade luguesa

Mentres, o de Vilardevós está programado o xoves 9 no Centro de Interpretación do Contrabando deste concello ourensán
 

Santiago de Compostela, 2 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza a semana vindeira senllos cursos sobre o castiñeiro de froito en Chantada e Vilardevós. O da localidade lucense está previsto o martes 7 de setembro no Telecentro, mentres o do municipio ourensán está programado o xoves 9 no Centro de Interpretación do Contrabando.

A formación, que constará en ambos casos de catro horas en horario de tarde, persegue que os produtores e futuros produtores de castaña orienten as súas plantacións aos mercados actuais, cunha visión global dos coidados e mantementos que deben levar a cabo para unha mellora na saúde e na produción do froito.

Nesa liña, os contidos da iniciativa centraranse primeiramente nas razóns para enxertar e nos tipos de árbore. Canto á poda, falarase dos seus obxectivos e das particularidades da poda de formación e da poda de produción, así como das ferramentais ideais para levala a cabo.

Cómpre apuntar que ambos cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.
Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos de Chantada e Vilardevós e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico formacion.agacal@xuntal.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional poñéndose en contacto coa coordinadora do curso no teléfono 881997279.
 

Data de actualización: 02/09/2021