Ethel Vázquez avanza que este ano estarán rematadas as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo, que se poñerá en servizo tan pronto estean completados os accesos

Vázquez Mourelle sinala que a execución desta infraestrutura non se está a ver afectada pola crise global de materiais de construción

Destaca que a estación de autobuses forma parte dun nó de transporte público de vangarda que supón un investimento autonómico de 18M€, a maior contribución da Xunta ás intermodais en Galicia

Remarca que o edificio de viaxeiros acollerá 2 millóns de pasaxeiros anuais e 500 expedicións diarias e permitirá o intercambio entre o bus e o tren en 1 ou 2 minutos

As obras da Xunta, nas que están a traballar 40 operarios e 20 máquinas, avanzan a bo ritmo, tanto na execución dos túneles como no edificio de viaxeiros e as dársenas

Os traballos céntranse agora na lousa inferior do túnel de Vialia e restan os piares e a marquesiña da cuberta, a urbanización das dársenas, o interior do edificio de viaxeiros ou os firmes
 

Vigo, 3 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, avanza que este ano estarán rematadas as obras da estación de autobuses intermodal de Vigo, que se poñerá en servizo tan pronto estean completados os accesos.

Vázquez Mourelle, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, supervisou o avance dos traballos da nova estación de autobuses e na parte dos túneles que executa a Xunta, que forman parte dun nó de transporte público de vangarda no que a Administración autonómica está a investir 18 M€, a maior contribución da Xunta ás estacións intermodais en Galicia.

Avanzou que a nova estación se porá en funcionamento en canto estean completados os accesos por parte do Concello.

A conselleira sinalou que a execución desta infraestrutura non se está a ver afectada pola crise global de materiais de construción.

Ethel Vázquez fixo fincapé en que a Xunta traballa para poñer á disposición dos veciños e dos usuarios do autobús un novo edificio de viaxeiros de máis de 1.000 metros cadrados e unha zona de dársenas para 30 autobuses, con 22 de viaxeiros e 8 de regulación. Unha nova estación que acollerá arredor de 2 millóns de pasaxeiros ao ano e 500 expedicións de autobús ao día, permitindo o intercambio entre o bus e o tren en 1 ou 2 minutos.

Obras a bo ritmo

A conselleira referiuse á complexidade das obras, tanto polo deseño da estación de autobuses, condicionada pola parcela que había ao carón do tren, como polos accesos, a diferentes alturas e en túnel, que executan as distintas administracións.

Precisou que nestes momentos están a traballar na obra arredor de 40 operarios e unhas 20 máquinas, que permiten un ritmo de traballo intenso, acadando xa o 65% da súa execución.

Explicou que a pesar das dificultades, as obras avanzan a bo ritmo, pois cinco meses despois da última visita, xa se aprecia o levantamento da estrutura da estación de autobuses.

En canto aos túneles, concretou que se demoleu a pérgola baixo a AP-9 e se executaron os pilotes, a lousa superior do túnel de Vialia e a lousa inferior e os muros do túnel de Lepanto, ademais da escavación do túnel de Vialia.

Actualmente, os traballos céntranse na lousa inferior do túnel de Vialia, ademais de nos muros perimetrais e partición do edificio de viaxeiros e muros da zona de dársenas.

Detallou que restan os piares e a marquesiña da cuberta, a urbanización das dársenas, a execución do interior do edificio de viaxeiros, as beirarrúas, o revestimento dos túneles ou os firmes.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 03/09/2021