A Xunta convoca o programa ‘Responsabilízate’ para asesorar a unhas 160 pemes na implantación de medidas de igualdade e responsabilidade social

O Diario Oficial de Galicia recolle as bases da terceira edición deste programa que garante asesoramento gratuíto a pequenas e medianas empresas e persoas autónomas para a implantación de plans de Responsabilidade Social Empresarial (RSE)

O programa conta con máis de medio millón de euros de orzamento e inclúe nesta convocatoria acompañamento para que as pemes avancen na igualdade laboral e no fomento do talento feminino

A Xunta referenda con esta iniciativa o seu compromiso co fomento da RSE e mellora da calidade no emprego no tecido empresarial galego
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería de Emprego e Igualdade convoca hoxe, por medio do Diario Oficial de Galicia, a 3ª edición do programa Responsabilízate, co que pretende axudar ata 160 pequenas e medianas empresas na implantación de medidas de Responsabilidade Social Empresarial (RSE) á vez que se fomenta á igualdade de oportunidades e o talento feminino no seo das organizacións.

O programa garante o acompañamento ás pemes mediante persoas titoras que axudarán na diagnose, formación e posta en marcha dos plans de igualdade e RSE.

Pódense beneficiar da iniciativa, dotada cun orzamento de 520.201 euros, pequenas e medianas empresas e persoas traballadoras autónomas con domicilio social en Galicia ou algún centro de traballo na comunidade. Como requisitos, deberán ter, cando menos, unha persoa traballadora por conta allea, non superar os 50 millóns de euros de volume de negocio anual e non se tratar de entidades sen ánimo de lucro.

O programa Responsabilízate, de carácter gratuíto, estrutúrase en tres fases. Primeiro, faise unha análise do estado, potencial competitivo e situación da RSE na entidade. En segundo lugar, as pemes recibirán formación e asesoramento individualizado para o deseño dun plan de acción en Responsabilidade Social Empresarial. Para finalizar, a partires do informe de resultados, definirase a metodoloxía para a elaboración do plan de actuación individualizado para a implantación dun mínimo do 20% das accións previstas no plan de acción en RSE.

As pequenas e medianas empresas e os autónomos con traballadores a cargo poden presentar a súa solicitude para participar nesta terceira edición de Responsabilízate desde mañá por medio da Sede Electrónica da Xunta ( https://sede.xunta.gal) ata esgotar prazas. A previsión é que poidan participar ata 160 empresas. Nas dúas primeiras edicións chegouse en total a cerca de 300 pemes e autónomos.

Con esta iniciativa, a Xunta referenda o seu compromiso no apoio ao tecido empresarial e produtivo na comunidade, para avanzar nas actuacións de responsabilidade social e mellorar as condicións do traballo nas pemes coa implantación comprometida de políticas de igualdade laboral. Trátase de que as empresas galegas aposten por unha xestión rendible de forma ética, xa que xera maior produtividade, lealdade do cliente, acceso a mercados e credibilidade.

A evolución demostra que Galicia ten a capacidade para crecer con valores priorizando o emprego de calidade, o benestar social e económico e o medio ambiente. Neste camiño, o Goberno galego conta cunha estratexia propia de RSE cuxo obxectivo é mellorar a xestión da Responsabilidade Social ao longo dos dous próximos anos. Para iso, estanse a impulsar novas actuacións como programas de titorización e formación ou a creación dun campus virtual de coñecemento a través do cal se pon a disposición das empresas unha contorna de teleformación.

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2021