A Xunta organiza este venres no CFEA Pedro Murias de Ribadeo un curso sobre técnicas de gabeo, desprazamentos e poda en altura

Programada pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria, a iniciativa desenvolverase en horario de mañá e tarde

O obxectivo é que as podas de árbores se efectúen con todas as medidas de seguridade

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021
Compartir
  • whatsapp

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza este venres 10 de setembro no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) Pedro Murias de Ribadeo un curso sobre técnicas de gabeo, desprazamentos e poda en altura. A iniciativa está previsto que se desenvolva en horario de mañá e tarde, de 10,00 h. a 14,00 h. e de 16,00 h. a 20,00 h.

A acción formativa persegue explicar as técnicas de trepa e desprazamentos sobre árbores, os métodos de poda en altura xunto cos seus fundamentos e como se pode podar dende o alto do propio exemplar con motoserra e outras ferramentas de xeito seguro. Así, o programa recolle os principios xerais do traballo de poda en altura, as distintas técnicas de trepa e gabeo e os equipos de trepa e de acceso á árbore, así como os métodos de poda en altura.

Cómpre apuntar que este curso está dirixido en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector.

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma este.

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina pode atoparse o referido curso e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes, que deberán remitirse cubertas ao enderezo electrónico pablo.gomez.nogueira@xunta.gal. Os interesados en asistir poderán solicitar calquera información adicional chamando ao teléfono 982828553.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2021