A Xunta anuncia as datas do 2º exercicio para cubrir 97 prazas do corpo administrativo e 341 do corpo auxiliar da Administración galega

As probas terán lugar o vindeiro 27 e 28 de setembro no recinto da Feira Internacional de Silleda

Máis de 4.400 aspirantes están convocados para participar nestes exames
 

Santiago de Compostela, 6 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de anunciar as datas do segundo exercicio para cubrir 97 prazas do corpo administrativo C1 e 341 prazas do corpo auxiliar C2 da Administración galega. As probas, ás que están convocados un total de 4.406 aspirantes, celebraranse os vindeiros 27 e 28 de setembro no recinto da Feira Internacional de Silleda.

O luns 27 de setembro terá lugar o segundo exercicio para acceder ao corpo administrativo C1/grupo III ao que están convocados un total de 1.469 aspirantes. A continuación, o martes 28 será a quenda do segundo exercicio para o corpo auxiliar C2/grupo IV con 2.937 opositores convocados.

Protocolo de seguridade

A pandemia do coronavirus e as restricións establecidas para controlar a súa evolución obriga a adaptar as formas e secuencias de celebración das probas para garantir a súa realización coa maior seguridade posible.

Neste sentido, os exames celebraranse no recinto feiral de Silleda con todas as garantías sanitarias, logo de que as autoridades sanitarias autorizaran a súa realización seguindo un protocolo de actuación elaborado pola Xunta que garante a súa realización con seguridade e conforme aos principios de igualdade, mérito e capacidade.

Este protocolo establece que só se permitirá o acceso aos edificios aos aspirantes que realicen os exercicios e ao persoal implicado no desenvolvemento das probas polo que os opositores deben acudir soas salvo que precisen asistencia.

Deben presentarse á hora indicada na convocatoria, non con antelación; e gardar sempre a distancia de seguridade; será obrigatorio o uso de máscara durante todo o proceso e o emprego de xel hidroalcohólico para entrar nos pavillóns. Os seus obxectos persoais deben ser os mínimos imprescindibles e non se poderá compartir material.

Ademais, ventilaranse os pavillóns e manteranse as portas abertas durante a realización dos exercicios, sempre e cando non se provoque unha situación inconfortable polas correntes de aire ou derivada do ruído.

Os aspirantes que concorran a este exercicios poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 06/09/2021