A Xunta reclama ao Goberno central coordinación e planificación estatal para garantir a accesibilidade de toda a poboación aos servizos financeiros

O conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, vén de remitir unha carta á Vicepresidenta Primeira do Goberno, Nadia Calviño

Nesa carta, o conselleiro demanda un estudo do mercado financeiro e a implantación dun marco normativo común que regule a prestación universal dos servizos financeiros

A Xunta foi unha das primeiras administracións en abordar este problema de ámbito nacional

Santiago de Compostela, 7 de setembro de 2021

A Xunta de Galicia vén de reclamar ao Goberno central “coordinación e planificación a nivel estatal” para garantir a accesibilidade de toda a poboación aos servizos financeiros con independencia do seu lugar de residencia.

Así se desprende dunha carta remitida polo conselleiro de Facenda e Administración Pública, Valeriano Martínez, á Vicepresidenta Primeira e Ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, na que lle demanda a elaboración dun estudo detallado sobre o mercado financeiro actual e un paquete de medidas global para abordar este problema que é de ámbito nacional.

Na carta remitida ao Ministerio, a Xunta traslada a preocupación do Goberno galego ante o progresivo peche de oficinas bancarias nas zonas menos poboadas como consecuencia da forte reestruturación do sector “sen que exista un plan global a nivel estatal para garantir que todos os cidadáns conten con servizos financeiros básicos”.

O Executivo autonómico subliña ademais que, na actualidade o acceso aos servizos bancarios e financeiros configúrase como un elemento fundamental para o desenvolvemento económico e social co obxectivo de lograr a cohesión territorial e a loita contra o despoboamento.

Neste marco, a Xunta considera “esencial e urxente” a elaboración dun estudo por parte do Goberno estatal que analice a situación do mercado financeiro en España desde o punto de vista da concentración bancaria, a competencia, e o acceso aos servizos financeiros, especialmente nas zonas rurais.

Ademais, tamén demanda a implantación dun marco normativo común que regule a prestación universal dos servizos financeiros básicos de xeito que se garanta a súa prestación a todos os cidadáns, con calidade e cun prezo accesible.

A iniciativa galega

Ante a falta de coordinación e planificación por parte do Goberno de España, a Xunta foi unha das primeiras administracións autonómicas en abordar este problema da man da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Neste sentido, o Goberno galego asinou coa Fegamp un protocolo de colaboración para acadar medidas que faciliten o acceso a servizos financeiros aos habitantes dos concellos do rural, en especial naqueles que non teñen oficina bancaria.

Na actualidade, un total de 38 concellos xa se adheriron a esta iniciativa que consiste na instalación de caixeiros automáticos nas dependencias municipais, en habilitar a prestación dun servizo de asistencia financeira que permita solucionar de xeito presencial as dúbidas e contratar produtos, e ofertar formación financeira e nocións de banca electrónica.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 07/09/2021